Escoitar

“Vigo Driving”, a nova aplicación do Concello para axudar á condución en tempo real

O alcalde presentou en rolda de prensa este venres a aplicación “pioneira en España” que proporciona información sobre o tempo dos semáforos ou sobre o estado do tráfico permitindo unha condución “máis eficiente e segura”.

venres, 23 abr 2021

A nova aplicación “Vigo Driving” pode utilizarse en 178 cruces de toda a cidade e está dispoñible para a descarga desde as plataformas Android e IOS.

Abel Caballero explicou que a aplicación proporciona, durante a condución, “os tempos dos semáforos en verde, ámbar e vermello e ofrece información sobre o estado do tráfico”, de maneira que esta comunicación cos condutores permítelles desprazarse de forma “máis eficiente e segura”. O Concello establece con esta nova ferramente un sistema de axuda á condución en tempo real e que é “pioneiro en España”.

Tal e como expuxo o rexedor, a pantalla amosa o mapa da cidade e, segundo a nosa posición en cada momento, ofrécenos información sobre varios aspectos: semáforos (cor, tempo para cambio de fase -verde, ámbar ou vermella- e recomendación de velocidade, o que permite adaptar a condución en función de se é posible pasar ou non en verde, e evitando aceleracións e freadas bruscas, contribuíndo a diminuír as emisións e o consumo); dá alertas (avisos de retencións, obras, accidentes próximos… o que permite anticiparnos de forma segura nos percorridos e cambiar de itinerario); aviso de zonas sensibles (zonas escolares ou limitadas a 30km/ h); información de tráfico (tempos de desprazamento estimado a puntos clave da cidade, avisos de cortes para planificar mellor a ruta); ou aparcamentos (localización e indicación de prazas dispoñibles).

O Concello destinou 172.000 euros ao desenvolvemento desta aplicación, que supuxo a adaptación dos reguladores para a comunicación e a disposición dun servidor Cloud para almacenar a información na plataforma C-ITS que, segundo avanzou Caballero, “máis adiante permitirá habilitar corredores de prioridade semafórica para vehículos de emerxencias”.

Ademais, Vigo Driving compleméntase coa APP Vigo onde pode consultarse o resto de servizos de mobilidade: tráfico en tempo real, cortes de tráfico, gasolineiras, puntos de recarga, cámaras de tráfico…

 

 

 

Descargar todas as imaxes