Escoitar

O goberno de Vigo compromete 3,34 millóns para a limpeza e desinfección dos colexios

O alcalde comunicou a decisión de prorrogar un ano o contrato de limpeza dos centros públicos de Infantil e Primaria e das escolas infantís municipais, que inclúe medio millón de euros para facer fronte ao protocolo contra o Covid. “A Xunta está recibindo inxentes recursos de Europa para pagar este gasto e o Concello recibe cero da Xunta para desinfección”, denunciou Caballero.

venres, 23 abr 2021
Abel Caballero, este venres
Abel Caballero, este venres

O goberno de Vigo prolonga un ano máis o contrato de limpeza dos colexios públicos e escolas infantís municipais dependentes do Concello e compromete ao efecto un gasto de 3,34 millóns de euros. A decisión foi adoptada este pasado xoves na Xunta de Goberno Local e Abel Caballero explicou hoxe venres en rolda de prensa que, desta contía, 2.854.000 euros corresponden ao traballo ordinario e 490.000 máis de reforzo para cumprir co protocolo de desinfección contra o Covid.

A este respecto, o alcalde criticou que “a Xunta está recibindo inxentes recursos de Europa para pagar este gasto e o Concello recibe cero euros da Xunta para desinfección”, polo que concluíu que “a Xunta fai caixa cos fondos europeos”. Amais, Caballero detallou que o custo en desinfección dos centros educativos no presente curso ascenderá a 520.000 euros.

Deporte e cultura

O goberno vigués, segundo comunicou Caballero, tamén deu luz verde ás subvencións á SD Carballal e ao CD Bembrive como entidades deportivas de elite na presente tempada, ás que adica 20.000 euros a cada club. Os convenios forman parte dos 446.500 euros que outorga o Concello á elite deportiva viguesa, conformada por unha ducia de equipos: Celta de atletismo femenino e masculino, o Celta Zorka, o AMFIV, o Vigo Voleibol, o Coruxo FC, o Sárdoma CF, a SD Carballal, o CD Valladares, o Trasnos Béisbol Club, a Unión Balonmán Lavadores e o Bembrive.

O Concello destina 1,9 millóns de euros ao deporte vigués, incluíndo estes 446.500 euros. A cifra complétase cos 925.000 euros para os clubs de base, os 308.000 euros ás escolas deportivas, os 125.000 euros á Fundación VIDE, os 50.000 euros a deportistas individuais de alto nivel e outros 40.000 euros ao deporte urbano.

Por último, e no eido cultural, a Xunta de Goberno Local validou conceder unha subvención de 10.000 euros á Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo para levar adiante a Festa da Cultura deste ano. O apoio municipal materializarase a través dun convenio entre as partes. Condicionado á evolución e á normativa derivada da pandemia, o evento está previsto para os días 3 e 4 de setembro na Praza de Compostela, amenizado por 23 grupos de música e baile folclórico, segundo trasladou Caballero.

Descargar todas as imaxes