Escoitar

O goberno de Vigo adxudicou as obras da segunda fase da Vía Verde

A Xunta de Goberno Local resolveu este xoves o concurso público para completar “unha das grandes obras da cidade”, segundo explicou Caballero: a senda peonil e ciclista que unirá Urzáiz con Chapela pola antiga vía do tren. Contando coa primeira fase xa aberta, o orzamento se eleva a case 3,4 millóns de euros.

xoves, 22 abr 2021
Imaxe de aquivo da inauguración do primeiro tramo da Vía Verde, a finais de 2019
Imaxe de aquivo da inauguración do primeiro tramo da Vía Verde, a finais de 2019

En declaracións aos medios, o alcalde calculou que a Vía Verde estará finalizada e aberta ao público nun prazo aproximado de oito meses, toda vez que este xoves o goberno que preside adxudicou as obras da segunda fase. O orzamento deste contrato ascende a case tres millóns de euros, que se engadirán aos máis de 400.000 euros abonados polo tramo inicial xa inaugurado.

Será “o complemento dunha das grandes obras da cidade”, valorou Caballero, “un dinamizador de toda a Travesía e de todo Teis, que servirá de pulmón verde e de paseo”. O proxecto dará continuidade ao espírito da parte xa operativa, unha senda peonil e ciclista que conserve a esencia ferroviaria.

Así, proxéctase un ancho de cinco metros para peóns e bicicletas ao longo dos 3,6 quilómetros de Vía Verde ata o límite municipal, con áreas de descanso, miradoiros, mobiliario urbano, zonas infantís e áreas biosaudables, un circuíto deportivo de adestramento ao aire libre con mesas de ping-pong. O Concello conservará a orixe ferroviaria do espazo, mantendo partes da sinalización orixinal, raís e outros elementos vinculados co tren como a catenaria, que servirá de soporte para unha nova iluminación.

A Vía Verde partirá desde a estación de Urzáiz, á altura da unión da Vía Norte con Escultor Gregorio Fernández. Para unilo coa parte xa aberta, o proxecto municipal contempla un paseo de madeira de conexión coa rúa Navarra e outra pasarela de cincuenta metros de lonxitude desde esta rúa ata o miradoiro da Vía Norte nº1.

O Concello planifica unha senda porosa e accesible desde distintos puntos da cidade. Ao efecto, contempla adecuar o acceso desde o paso elevado da Avenida Bos Aires cunha rampla duns 150 metros, ademais de abrir conexións coas rúas Coutadas, Bos Aires, rúa do Xuncal, Camiño da Vía, Camiño da Ferrería, Avenida de Galicia, Párroco don Serafín, Camiño Cascalleira e Camiño das Ánimas.

Descargar todas as imaxes