Escoitar

CTAG, Avanza e Vitrasa firman un acordo de colaboración para a creación dunha Unidade Conxunta de Innovación no ámbito da mobilidade intelixente

Abel Caballero considerou primordial o nacemente desta unidade e de gran importancia para o desenvolvemento das cidades intelixentes, en especial para Vigo.

martes, 23 mar 2021
A sinatura tivo lugar nas instalacións da compañía na Estrada de Camposancos
A sinatura tivo lugar nas instalacións da compañía na Estrada de Camposancos

O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Avanza, primeiro operador privado de España de transporte urbano e metropolitano en autobús, e Vitrasa, empresa concesionaria do transporte urbano de Vigo -pertencente a Avanza- colaborarán na creación dunha Unidade Conxunta de Innovación que ten por obxectivo desenvolver liñas de investigación comúns no ámbito da mobilidade intelixente.

Esta Unidade Conxunta de Innovación abordará diferentes temáticas como son a mobilidade autónoma e conectada, solucións para o transporte urbano autónomo, conectado e eficiente, paradas intelixentes, prioridade e información semafórica, dixitalización de tarefas, Intelixencia Artificial ou novos servizos de conectividade de valor engadido, entre outros.

O alcalde, Abel Caballero, acompañou ás empresas implicadas neste acordo para apoiar o nacemento da Unidade, que considerou primordial e de gran importancia para o desenvolvemento das cidades intelixentes, en especial para Vigo: "Unha parte moi dominante das accións municipais fanse a través da rede, con centos de miles de operacións desde o Concello por vía intelixente".

Para Francisco Sánchez, Director da División de Electrónica e ITS de CTAG, “este acordo permitirá aplicar solucións innovadoras para facer a mobilidade do futuro máis segura, intelixente, sustentable, conectada e autónoma. Nesta colaboración con Avanza e Vitrasa, achegamos a nosa capacidade de innovación e desenvolvemento, e a nosa experiencia en proxectos ao redor da mobilidade urbana, para incorporar á nosa contorna as solucións tecnolóxicas que marcarán a mobilidade do futuro. Ademais, permite consolidar a nosa vocación de cooperación sumando unha nova alianza con empresas de referencia a nivel nacional”.

En palabras de Valentín Alonso, Director Xeral de Avanza, “a mobilidade intelixente é unha nova e revolucionaria maneira de pensar en como nos movemos; máis limpa, segura e eficiente. En Avanza apostamos por fórmulas innovadoras que promovan unha mobilidade sustentable e respectuosa co medio ambiente en todas as cidades nas que operamos no ámbito nacional; desenvolvendo sistemas de información para facilitar os traxectos dos nosos viaxeiros, así como a aplicación de novas tecnoloxías para os responsables de operacións e condutores. Poremos a disposición desta Unidade Conxunta todo o noso coñecemento e recursos para seguir mellorando e pondo en marcha sistemas que favorezan a mobilidade intelixente nas cidades”.

Na firma do convenio de colaboración, que tivo lugar este martes nas instalacións de Vitrasa participaron o Alcalde de Vigo, Abel Caballero; Francisco Sánchez, Director da División de Electrónica e ITS de CTAG; Valentín Alonso, Director Xeral de Avanza e Carlos González, Director Xeral de Vitrasa.

O convenio terá unha vixencia de tres anos e os tres axentes implicados contarán con equipos profesionais altamente cualificados para o desenvolvemento das actividades que teñan lugar no marco do devandito acordo.

A sinatura tivo lugar nas instalacións da compañía na Estrada de Camposancos
Descargar todas as imaxes