Escoitar

Concello e Naturgy activan un programa de apoio a familias en situación de vulnerabilidade enerxética

O alcalde explicou este mércores que con este proxecto de colaboración ámbalas entidades queren reducir as situacións de pobreza enerxética na cidade cun orzamento de 50.000 euros anuais que permitirán realizar intervencións para mellorar a eficiencia enerxética.

mércores, 17 mar 2021

O obxectivo do programa de vulnerabilidade enerxética que desenvolven o Concello e a Fundación Naturgy é reducir as situacións de pobreza enerxética das familias ou persoas con dificultades para satisfacer as súas necesidades de enerxía. A actuación contémplase en tres áreas: a detección de casos nesta situación, a rehabilitación e mellora da calidade de vida dos colectivos afectados e o asesoramento e apoio en temas relacionados co consumo de enerxía.

Abel Caballero explicou que o programa de colaboración conta cun orzamento de 50.000 euros anuais e que as familias poderán acollerse trala valoración do Concello a través da área de Política Social, sendo derivadas despois á Fundación Naturgy.

Tal e como expuxo o rexedor, o fondo solidario de rehabilitación enerxética permitirá realizar intervencións nos fogares vulnerables para mellorar as instalacións enerxéticas, acometer reparacións ou illamentos, comprar calefacción ou electrodomésticos... O importe medio das axudas por vivenda estímase nos 2.000 euros ata un máximo de 5.000 euros sen achega por parte das familias.

Amais, a Fundación Naturgy pon a disposición da cidade a súa Escola de Enerxía para formar a persoal municipal sobre eficiencia enerxética e disporá un teléfono gratuíto para o asesoramento e apoio ás familias.

Descargar todas as imaxes