Escoitar

O Concello investirá 1,6 millóns na reforma integral da Praza da Miñoca

O alcalde avanzou esta mañá un investimento de 1,6 millóns de euros na reforma integral da Praza da Miñoca. Ademais de dotar de maior natureza o espazo, o parque infantil ampliarase ata o os 2.000 m2 e haberá un río artificial que desembocará nun estanque orgánico.

venres, 19 feb 2021

O alcalde achegouse esta mañá á Praza da Miñoca para expor publicamente a próxima remodelación de todo o espazo. Esta “gran reforma” se licitará o mes que vén cun orzamento de 1,6 millóns e un prazo de execución dun ano a partir da adxudicación. O obxectivo, explicou, é darlle máis natureza á zona, con máis axardinamento, un macro parque infantil ou a integración da escultura na paisaxe, entre outras cuestións. Será un espazo máis humanizado e acorde coas necesidades da poboación, que cada vez precisa maior diversidade de percorridos e ocio. Caballero estivo acompañado esta mañá por representantes da asociación de veciños, así como polos tentes de alcalde, Javier Pardo e María Xosé Caride, e o concelleiro de Participación Cidadá, Pablo Estévez.

O proxecto prevé cambiar o actual esquema da praza para que a Miñoca “se converta nunha das grandes prazas en medio natural de calquera cidade importante do mundo”. Para iso vanse establecer máis formas orgánicas, coa axuda de camiños serpenteantes, que aporten máis perspectivas a un espazo que contará con moito máis arborado. Haberá un río artificial que desembocará nun estanque -que pasará a ser orgánico – con vexetación de fento, pennisetum, azaleas, rastreos, cercis canadienses, cedrus pendula nano, entre outros moitos, enumerou.

A idea do goberno local é aproveitar o espazo central do céspede -nestes momentos sen uso- e distribuír o terreo en bancais, aproveitando a pendente, con taúdes vexetais e evitando os muros de formigón.

Parque infantil

Procederase a ampliar o parque infantil ata os 2.000 m² con zoas diferenciadas de area, céspede e caucho. Entre os diversos xogos haberá tobogáns, mallas e rocódromos, ademais dun gran areeiro de “arqueoloxía”, con xogos inclusivos e unha pequena área deportiva. Na parte central estará a zona biosaudable, para ás persoas maiores.

O proxecto inclúe unha grada multifuncional cun pequeno escenario para eventos ou esparcemento e o perímetro do parque estará formado por un carril bici e un bulevar. Haberá unha zona de parkour, é dicir, xogos para que a mocidade poida facer exercicio físico.

A iniciativa que presentou o rexedor en rolda de prensa prevé así mesmo recuperar a toponimia de Coia con nomes como "A mina", "Lavadouro", ou "Os pozos", para distintas zonas da praza.

Respecto do arborado, aos cereixos existentes -que están en moi bo estado – engadiranse outros exemplares dos típicos paseos xaponeses. A paisaxe da zona estará inspirada nos xardíns ingleses e xaponeses.

 

 

 

Descargar todas as imaxes