Escoitar

O Concello convoca un concurso de ideas para rehabilitar a fachada da Basílica de Santa María

O goberno local avanza na rehabilitación da fachada da Basílica aprobando o concurso de ideas que permitirá buscar a mellor solución para a reforma das seis edificacións existentes e transformalas nun edificio dotacional. O importe do proxecto é de 78.000 euros e o primeiro clasificado ademais de recibir 15.000 euros, redactará o proxecto básico e de execución.

venres, 18 dec 2020

A Xerencia de Urbanismo aprobará o martes que vén os pregos de bases e o expediente de contratación do concurso de ideas para a rehabilitación das edificacións fronte á basílica de Santa María. Continúa así a rehabilitación dunha fachada composta por seis edificios en deficiente estado de conservación que pasarán a converterse nunha única edificación con uso dotacional.

O concurso de ideas conta cun orzamento de máis de 78.000 euros e contempla tres premios. O primeiro, de 15.000 euros aos que se suma a redacción do proxecto básico e de execución; o segundo, de 7.000 euros e o terceiro, de 5.000 euros. O prazo de presentación é de 45 días a partir da publicación das bases e o primeiro clasificado contará con catro meses para concluír todo o traballo. A superficie total da actuación é de 760 m2.

O xurado, que elixirá a mellor proposta, estará formado responsables e técnicos municipais, aos que se sumarán un representante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dous arquitectos designados pola COAG, máis dun membro elixido a proposta dos concursantes. O obxectivo, explicou, é confeccionar un tribunal “transversal” para ter a opinión do máximo número de institucións na elección final.

Tal e como explicou o rexedor, o Concello está nestes momentos traballando na expropiación dos inmobles, unha vez aprobada a declaración de área de rehabilitación prioritaria do conxunto de edificacións.

Ifevi

O Concello aprobará definitivamente hoxe as actas de ocupación dos terreos do Ifevi e, a continuación, enviará á Xunta a documentación coa disponibilidade dos terreos para que inicien con urxencia a licitación das obras de ampliación. En rolda de prensa, o rexedor afeou á Xunta o atraso deste proxecto que o goberno autonómico xa podería ter finalizado o proceso de licitación, condicionado a ter os terreos a súa disposición, o que lle permitiría comezar as obras de xeito inmediato e, polo tanto, gañar tres meses de tramitación. Cualificou a actitude da Xunta como “seriamente neglixente” co obxectivo de atrasar esta ampliación.

Descargar todas as imaxes