Escoitar

O goberno de Vigo investirá 5 millóns no mantemento dos parques e pistas da cidade

O contrato foi adxudicado para os próximos cinco anos, co encargo de conservar todos os parques infantís, biosaudables, pistas deportivas, de skate, fontes ornamentais, bebedeiros, bancos e as piscinas de Samil. O alcalde explicou que se inclúe a obriga de subrogar vinte empregos.

venres, 18 dec 2020

Abel Caballero informou este venres da adxudicación do servizo de conservación e reposición destes espazos, un contrato por cinco anos que supera lixeiramente os cinco millóns de euros e que conleva a necesaria subrogación de vinte empregos xa existentes.

En rolda de prensa presencial e telemática, o alcalde explicou este venres que o servizo a prestar pasa polo mantemento de todos os parques infantís e biosaudables da cidade, as áreas de xogos, as pistas deportivas e de skate, as fontes ornamentais, os bebedeiros, bancos, palcos, sistemas fotovoltaicos e as piscinas de Samil.

“Seguiremos facendo un mantemento coidadoso e exhaustivo de todas estas instalacións na cidade”, afirmou Caballero, quen detallou que o prego de condicións recolle un listado de 141 parques infantís, 73 biosaudables, 96 áreas deportivas, 3.326 bancos, 23 bebedeiros, 16 palcos, catro sistemas fotovoltaicos, 70 fontes ornamentais e as catro piscinas de Samil.

Outros acordos

O alcalde deu conta doutros dous acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local celebrada este pasado xoves, en materia de vías e obras e servizos de praias. No primeiro caso, o goberno vigués adxudicou os traballos de mellora do Camiño de Arrouba, en Zamáns, que presentan un orzamento de 88.000 euros. O talude que sostiña o camiño derrubouse e provocou afundimentos na calzada, con danos tamén na superficie; o Concello executará obras para refacelo e reforzar os pavimentos para poñelo en condicións de seguridade e accesibilidade.

En segundo lugar, o alcalde informou da aprobación do Plan de ocupación, instalación e explotación dos quioscos de praias, validado para os próximos catro anos (2021-2024) e que contempla as condicións dos emprazamentos propostos. O Concello establece un total de once espazos: un quiosco nos areais de A Punta, Santa Baia, Etea e Argazada, dous nos de Tombo do Gato e O Vao, e tres máis na praia de Samil.

O Plan será remitido tanto ao servizo provincial de Costas como á Consellería de Medioambiente para a súa ratificación, necesaria para poder sacar á concurso público o servizo estival de quioscos de praia.