Escoitar

O Concello acomete reparacións menores na escultura da Praza de España

Os traballos comezan este mesmo xoves e se prolongarán entre dúas e tres semanas, segundo informou o alcalde. Nunha das inspeccións periódicas da arte ao aire libre da cidade detectouse “patoloxías menores” causadas polo paso do tempo e o clima, que serán solucionadas co reforzo da estrutura de “Os cabalos” de Oliveira.

xoves, 26 nov 2020
"Os cabalos", de Oliveira | Foto: J. Albertos (www.vigoenfotos.com)
"Os cabalos", de Oliveira | Foto: J. Albertos (www.vigoenfotos.com)

Este xoves córtase o carril máis próximo á escultura da Praza de España, un valado que dá comezo de facto a unhas obras que durarán dúas ou tres semanas, segundo as estimacións comunicadas por Abel Caballero en rolda de prensa.

O alcalde explicou que o goberno vigués realiza periodicamente inspeccións do estado no que se atopan as obras de arte ao aire libre de titularidade municipal. A revisión realizada sobre “Os cabalos” no mes de xaneiro do pasado ano aconsellaba unha actuación sobre “patoloxías menores” no conxunto escultórico, causadas polo paso do tempo e pola súa exposición á climatoloxía.

A escultura “Os cabalos”, obra de Juan José Oliveira, preside a Praza de España desde 1991, alcanza os dezaoito metros de altura e pesa corenta toneladas. Representa unha manada de cinco cabalos que ascenden ata o ceo por unha cascada e nin o lugar nin as figuras son casuais, xa que a escasos metros, no monte do Castro, habitaron antigamente cabalos salvaxes. Abel Caballero avanzou que, despois do Nadal, presentará para a Praza de España “un proxecto de acondicionamento xeral das partes que non van estar tan afectadas polo Plan (Xeral de Ordenación Municipal) e da propia glorieta”.

Descargar todas as imaxes