Escoitar

Vigo reclama á Xunta un instituto en Navia e orzamento para crear dúas escolas infantís

O Pleno celebrado este mércores debateu e aprobou dúas mocións promovidas polo goberno de Vigo instando á Xunta de Galicia a asinar un convenio co Concello para construír un instituto en Navia e, en segundo lugar, a incluír nas contas autonómicas para 2021 unha partida para edificar dúas escolas infantís na cidade.

mércores, 25 nov 2020

A sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de novembro, celebrada este mércores, deu luz verde a dous acordos cos que a cidade busca ampliar a rede de centros educativos públicos.

En primeiro lugar, e coa unanimidade de todos os concelleiros e concelleiras da Corporación, o Pleno acordou demandar á Xunta de Galicia “a sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Vigo para a construción e posta en servizo do instituto de Navia”. O texto propón ao efecto que o goberno encabezado por Núñez Feijóo incorpore esta actuación “nos plans de investimento educativo e nos orzamentos autonómicos, de tal xeito que o proxecto construtivo desta dotación pública se inicie en 2021 e a obra comece en 2022 para que esta instalación sexa a primeira licitada, adxudicada e executada do plan parcial de Navia”.

Pola súa parte, o Concello de Vigo compromete a reserva de “parte da dotación pública municipal do plan parcial de Navia para a execución do instituto en Navia”, en particular unha parcela de 12.576 metros cadrados de superficie xunto á VG20, que “será cedida inmediatamente á Xunta de Galicia co fin de materializar esta dotación”.

Escolas infantís

De novo en materia educativa, a Corporación validou unha segunda moción tamén presentada polo grupo do goberno vigués, instando á Xunta de Galicia a ampliar a súa rede pública de escolas para nenos e nenas de cero a tres anos creando un mínimo de dúas máis, “asumindo integramente o seu financiamento”. Neste caso, o acordo foi adoptado por todos os edís salvo polos representantes do Partido Popular, que se abstiveron.

O texto recalca que a Xunta de Galicia non abriu na cidade ningunha nova escola infantil desde hai oito anos, mentres que o Concello duplicou a rede municipal baixo o mandato de Abel Caballero, pasando de catro ás oito que funcionan actualmente.