Escoitar

O alcalde recorda que a ampliación do leito do Lagares é “competencia ineludible” da Xunta

Ante a solicitude autonómica ao Concello de expropiar terreos no polígono do Caramuxo para ampliar as marxes do río, Abel Caballero argumentou que a Xunta carece de proxecto e non conta coa cualificación urbanística para facelo, e aínda non delimitou o dominio público dun leito que ademais é “competencia ineludible” da autonomía.

xoves, 19 nov 2020

En declaracións en rolda de prensa este xoves, o primeiro edil explicou que o proxecto presentado pola Xunta de Galicia no Caramuxo supón un millón de euros en obras, pero solicita do Concello adicar máis de dous millóns de euros para conseguir os terreos e poñelos a disposición. Ademais, Caballero denunciou que, para acometer a expropiación, fai falta un proxecto do que a administración autonómica carece.

O alcalde apoiou recuperar os niveis tradicionais do leito do río e recordou que só pode facelo a Xunta de Galicia ao ser competencia autonómica. “Primeiro, sen un proxecto non se pode expropiar e, segundo, como é unha ampliación do leito, ineludiblemente ten que expropiar a Xunta”, asegurou Caballero, quen enumerou unha terceira cuestión que imposibilitaría a demanda autonómica: aínda non está delimitado o dominio público do leito do Lagares e “sen esa norma xurídica, nin a Xunta pode expropiar”, valorou.

En cuarto lugar, o rexedor citou que a expropiación require dunha cualificación urbanística que non existe actualmente e expuxo, a modo de exemplo, a tramitación urbanística para poder rehabilitar a Panificadora. Indicou Caballero que, para expropiar os terreos, houbo que redactar un proxecto e cambiar a cualificación urbanística, que tivo que ser validada pola Xunta de Galicia: “Levamos dous anos de traballo urbanístico para poder cambiar a cualificación e poder facer a expropiación sobre un proxecto; se non, non se pode”.

Abel Caballero recordou que o borrador do Plan Xeral que tramita o Concello xa contempla un leito máis amplo do Lagares e instou á Xunta de Galicia a asumir as súas responsabilidades ou cedelas: “Se a Xunta non quere a competencia sobre o leito, que lla pase ao Concello”.