Escoitar

O Concello reserva máis de 26 millóns para emprego, deporte e cultura no 2021

Abel Caballero continuou este mércores detallando as grandes cifras do orzamento para o ano que vén, aprobado a pasada tarde pola Xunta de Goberno Local. O alcalde destacou o incremento ata os 8,4 millóns na partida de emprego, os 11,7 millóns para o deporte e os 6,2 millóns destinados á cultura.

mércores, 4 nov 2020

No marco dun orzamento “récord” de 264 millóns de euros para “mobilizar a economía” ante o Covid-19, o alcalde comunicou este mércores que máis de 26 millóns estarán reservados ao emprego, á cultura e o deporte.

Deporte recolle unha contía próxima aos 11,7 millóns de euros. O goberno de Vigo mantén as subvencións a eventos, deporte de elite (con preto de medio millón de euros) e de base, esta última cunha convocatoria pública a entidades sen ánimo de lucro de 925.000 euros. Caballero puxo énfase nos “máis de catro millóns de euros” para os pavillóns, ximnasios e piscinas municipais: “Cando alguén vai e utiliza un pavillón ou unha piscina, está subvencionado, todo, en catro millóns de euros”.

O alcalde engadiu que os orzamentos municipais para 2021 inclúen unha primeira anualidade para a construción dun novo pavillón municipal en Matamá, despois de ter practicamente concluído o de Quirós e xa inaugurados recentemente as instalacións de Romil e baixo a bancada de Río, no estadio municipal de Balaídos. Caballero recordou que, pendentes do orzamento provincial, o Concello reserva partidas con cargo a remanentes para acometer a reforma dos campos de fútbol do Vao e do Santa Mariña.

O goberno vigués destina 6,2 millóns para o ámbito cultural, con máis de 2,6 millóns para museos e equipamentos culturais, posto que Vigo ten a maior rede de museos municipais de España, segundo subliñou o rexedor vigués. En segundo lugar, as grandes liñas do orzamento cultural reflicten preto de dous millóns de euros máis para promoción cultural e algo máis dun millón de euros para bibliotecas.

No tocante ao emprego, o alcalde anotou que se eleva a cifra en máis de dous millóns de euros con respecto ao actual 2020, ata os 8.387.000 euros. A contía inclúe unha partida de 2,7 millóns para emprego de conserxes e interinos, que se engade aos máis de cinco millóns do departamento, con programas de inserción laboral -en particular para colectivos con dificultades de acceso ao traballo-, de axudas á creación de emprego, de asesoramento a Pemes e emprendedores, e de axudas á investigación, entre outras.

BOE

Abel Caballero saudou este mércores a publicación no Boletín Oficial do Estado de tres bloques de medidas de política social decididas polo Goberno de España, que se complementan cos orzamentos municipais e que beneficiarán tamén aos vigueses e viguesas. Estas son o subsidio aos parados que quedaran sen prestación en época Covid, as axudas aos traballadores de actividades culturais e musicais, e a concesión directa de subvencións a entidades coas que tamén colabora o Concello de Vigo, segundo valorou o alcalde.