Escoitar

Vigo insta á Xunta a financiar os centros de día e a manter o Servizo de Axuda no Fogar

O Pleno Municipal aprobou este mércores dúas mocións do grupo socialista instando á Xunta de Galicia a financiar os centros de día de Teis, Coia e Valadares, de titularidade autonómica, así como a manter o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ata que a pandemia do Covid-19 estea controlada.

mércores, 28 out 2020

A sesión ordinaria de outubro do Pleno Municipal aprobou este mércores unha moción do grupo socialista na que se insta á Xunta de Galicia a derogar o artigo 69 da Lei 2/2017 na que se obriga ao Concello de Vigo a financiar os centros de día de Teis, Coia e Lavadores, de titularidade autonómica. A proposta, defendida pola concelleira Yolanda Aguiar, recibiu os votos a favor do PSOE, concelleiro non adscrito e grupo mixto, mentres que os edís do Partido Popular votaron en contra.

Ademais, o Pleno Municipal aprobou outra moción socialista instando á administración autonómica a que manteña o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) extraordinario e o prorrogue ata que a pandemia do Covid-19 estea controlada na nosa comunidade. Neste caso tamén votaron a favor o PSOE, concelleiro non adscrito e grupo mixto; o PP abstívose.