Escoitar

O Pleno reclama á Xunta datos numéricos sobre a evolución da Covid-19 na cidade

A Corporación municipal aprobou a moción socialista que defende a necesidade de coñecer os datos da incidencia do coronavirus na cidade para tomar decisións na loita contra a pandemia. Ademais, o Pleno reclama á Xunta unha partida orzamentaria para os gastos derivados da Covid-19.

mércores, 28 out 2020

Cos votos favorables de PSOE, grupo mixto e concelleiro non adscrito e co voto en contra do Partido Popular, quedou aprobada no Pleno deste mércores a moción socialista na que se insta á Xunta de Galicia a facilitar ao concello os datos numéricos da evolución da Covid 19, especificamente os referidos a Vigo, para permitir asumir accións de loita contra a pandemia no termo municipal.

Tal e como expuxo o voceiro socialista, Carlos López Font, a información que facilita o goberno autonómico refírense á área sanitaria, que engloba a varios municipios, o que non permite coñecer a realidade circunscrita a Vigo. A Xunta non ofrece datos numéricos que a moción cualifica como “imprescindibles” para coñecer puntualmente a evolución da pandemia e adoptar decisións.

Partida para os gastos Covid

O Pleno Municipal aprobou este mércores -co voto favorable de tódolos grupos agás o popular- a moción socialista instando á Xunta de Galicia a consignar, nos vindeiros orzamentos da Comunidade Autónoma, unha partida específica para resarcir ao Concello de Vigo dos gastos extraordinarios derivados das actuacións municipais para facer fronte á Covid-19.

O concelleiro socialista Jaime Aneiros expuxo que a actuación municipal nos últimos meses resultou “decisiva” para atender as necesidades da cidadanía viguesa e cuxas actuacións foron sufragadas polo Concello que empregou un “importante volume de recursos para garantir a saúde, salubridade, seguridade e coidados das persoas”, unha situación que se estenderá nos próximos meses polo que deben preverse medidas financeiras axeitadas.