Escoitar

As visitas teatralizadas ao cemiterio de Pereiró, aprazadas polo Covid-19

O goberno de Vigo decidiu suspender a actividade desde este mesmo xoves, dada a entrada en vigor da limitación das reunións a un máximo de cinco persoas, segundo anunciou o alcalde. O Concello prevé retomar as visitas cando as circunstancias sanitarias o permitan, mantendo a reserva daqueles que xa tiñan praza.

xoves, 22 out 2020

Abel Caballero anunciou a medida este xoves, no primeiro día de limitación de reunións a un máximo de cinco persoas decretada pola autoridade sanitaria. O Concello decidiu non cancelar o programa, senón aprazalo para poder retomalo cando sexa posible.

De carácter gratuíto, as visitas guiadas e teatralizadas ao cemiterio municipal de Pereiró comezaran o pasado 14 de outubro, con todas as vacantes ocupadas ata esta mesma semana. De feito, aqueles que conseguiron praza para algunha das visitas pendentes non a perderán, manteñen a reserva e poderán facer a actividade cando se poida recuperar.

O alcalde subliñou o “éxito excepcional” desta proposta municipal, que ofrece aos visitantes coñecer a arquitectura, a historia e os personaxes ilustres que descansan no camposanto de Pereiró, como en anos anteriores, con actores e actrices caracterizados como Concepción Arenal, Irene de Ceballos e Bernardo González del Valle “Cachamuíña”.