Escoitar

Caballero anuncia a nova data da Gala do Deporte de Vigo: o 5 de agosto no Pazo de Castrelos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe que a Gala do Deporte de Vigo e a súa Comarca, aprazada o pasado 11 de marzo, celebrarase este vindeiro mércores día 5 ás 20:30 horas nos xardíns do Pazo-Museo Quiñones de León

mércores, 29 xul 2020
Momento da presentación de hoxe
Momento da presentación de hoxe

O rexedor avanzou a información nunha presentación do evento no Concello na que estivo acompañado do edil de Deportes, Manel Fernández, por Pedro Costa, xerente de Faro de Vigo, e José Luís Romero, coordinador de negocio institucional en Vigo de Abanca, os outros dous patrocinadores desta festa do deporte vigués que recoñece aos e ás mellores de 2019.

Por vez primeira lévase este evento á denominada Pradeira Concepción Arenal, no Pazo -habitualmente se realiza no Teatro Afundación-, para seguir os estritos protocolos sanitarios recomendados. A entrada, solo por invitación, será limitada.

O xefe do goberno municipal lembrou que en marzo a gala foi o primeiro gran evento aprazado, "días antes de que o Goberno declarase o estado de alarma", unha decisión que o rexedor tomou por prudencia e anticipándose á situación que posteriormente se viviría.

A gala decidirá en Castrelos os dous mellores deportistas absolutos de Vigo e a súa área de influencia (home e muller) e tamén os dous mellores sub-19. Ademais, as federacións recoñecen neste acto aos mellores do seu deporte a nivel de Vigo e área de influencia (hai 43 candidatos en categoría sénior e 29 en promesas sub-19).

O xurado que preside o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, decidiu tamén outorgar catorce mencións especiais a clubs, deportistas, técnicos, dirixentes e empresas polo súa notable incidencia e resultados durante o pasado ano, ademais de reservar un premio especial do xurado para o proxecto Discamino.

Ademais, na gala entregarase un recoñecemento do deporte vigués ao atleta olímpico Alejandro Gómez, que neste encontro do deporte local xa foi protagonista en varias ocasións, como en 1997 (nomeado mellor atleta de 1997), en 2008 (mención especial para o xurado pola súa traxectoria) e no 2016 (o mellor para a Federación de Deportes de Inverno, polo seu título nacional en mushing).

 

 

Descargar todas as imaxes