Escoitar

O alcalde visita o campamento de verán de Bouzas

Un centenar de nenas e nenos, en grupos de 15, asisten este días ao “Verán Mariñeiro” de Bouzas dentro do programa municipal Verán Xove que, xunto ás actividades no MARCO, no Museo Liste e os campamentos do Verbum suman 3.000 prazas na cidade.

luns, 20 xul 2020
Visita do alcalde este luns
Visita do alcalde este luns

Abel Caballero compartiu unha parte da xornada coas nenas e nenos que forman parte deste campamento municipal que se desenvolve en Bouzas e no que aprenden cuestións de náutica ou navegación e aos que viu “moi satisfeitos”.

O Concello ofrece este verán un total de 3.000 prazas e un cuarto de millón de euros ás actividades de verán en toda a cidade. O programa Verán Xove inclúe ademais os campamentos en VigoZoo, verán en Samil, Verán en Alcabre, Verán en inglés, Verán en Navia, Verán en Vigosónico, Verán na Casa da Xuventude, Verán en Coia, Verán náutico na ETEA, Verán náutico en Bouzas e o campamento urbano en Travesas. Ademais, o MARCO ofrece 225 prazas de actividades gratis e o Museo Liste, 65 prazas nos meses de xullo e agosto. Os campamentos de ocio e tempo libre no Verbum teñen 105 prazas para persoas con discapacidade psíquica, física ou sensorial con idades comprendidas entre os 6 e os 65 anos.

Servizo de cadeiras anfibias

O alcalde informou da entrada en funcionamento do servizo de cadeiras anfibias para persoas con mobilidade limitada, que ten un importe de 30.000 euros para os meses de xullo e agosto, en horario de mañá e de tarde. Haberá 3 cadeiras dispoñibles, dúas en Samil e unha no Vao, con monitores e cooperación do persoal de socorrismo, para as que haberá que concertar cita previa e que está a disposición de toda a cidade de forma gratuíta.

 

 

 

 

Visita do alcalde este luns
Descargar todas as imaxes