Escoitar

O programa de festas de verán chegará a 29 espazos en toda a cidade

O alcalde avanzou este xoves que o Concello ultima a preparación do programa “Vigo en Festas” que este ano será “diferente” por mor do Covid-19 e que “ocupará toda a cidade” con programación cultural e musical dende xullo ata setembro para tódolos públicos.

xoves, 2 xul 2020
O rexedor en rolda de prensa
O rexedor en rolda de prensa

Segundo expuxo o rexedor, o goberno municipal acordou aprobar a proposta do programa “Vigo en Fiestas 2020”, que será levado á Xunta de Goberno para, unha vez aprobado, poder comezar a recibir as propostas de actuacións para este verán, adiantando que a programación comprenderá os meses de xullo, agosto e setembro.

“Son unhas festas diferentes nas que imos ocupar toda a cidade; a cidade converterase na plataforma para o desenvolvemento de festas en todas partes” e para todas e todos: maiores, medianos e pequenos, apuntou Abel Caballero.

Así, explicou que haberá 29 espazos para o desenvolvemento das festas: Beade, Bembrive, Bouzas, Cabral, Calvario, Candeán, Casco vello, Centro comercial Coia, Lavadores, Matamá, Náutico, Navia, O Castro, Parque de Castrelos, Porta do Sol, Praza da Estrela, Praza da Independencia, Praza da Miñoca, Praza do Berbés, Rosalía de Castro, Saiáns, Samil, San Andrés de Comesaña, San Miguel de Oia, San Roque, Teis mercado e Teis Riouxa e Valadares.

Vigo en Festas 2020 incluirá actividades infantís nos barrios, parroquias, centro da cidade e praias, con espectáculos de pequeno formato, concertos musicais, contacontos... Celebrarase a semana da danza e Vikul amais de actuacións de baile, música folk, música moderna e de tódolos estilos.

Programación do Auditorio Mar de Vigo

Como parte destas festas, mañá comeza o Festival TerraCeo no Auditorio Mar de Vigo que programa preto dunha trintena de actuacións para este verán. Los Secretos ofrecen o concerto inaugural mañá venres, ás 20:30, e o sábado a segunda cita en Vigo.

Ao longo do verán irá desenvolvéndose o resto do programa: no mes de xullo, Andrés Suárez (10 e 11), Luis Zahera (12), Rober Bodegas (16), Pablo López (17 e 18), Eva e Juan de Amaral, en acústico, (19), Ariel Rot e Federico Lechner (24), Noites de Retranca (25 ), MCLAN (26), Coque Malla (30) e Álex Ubago (31). En agosto o Festival Terraceo ofrece as actuacións de Don Patricio (2), Santi Balmes, Julian Saldarriaga e Dani Ferrer (de Love of Lesbian) (1), JJ Vaquero (5), Alejo Stivel (7), Uxía, Antonio Zambujo e Javier Ruibal (8), Moncho Borrajo (9), David Suárez (13), Kiko Veneno (14), Carlos Sadness (15), Marlango (22), Recycled + Kimberly (27), Miss Cafeína (28) e Rodrigo Cuevas (29 de agosto).

 

 

Descargar todas as imaxes