Escoitar

O Pleno insta ao Goberno galego a rectificar a proposta do cheque de 250 euros ao persoal sanitario

A moción socialista, apoiada polo grupo mixto e o concelleiro non adscrito, reclama a Feijóo que atenda as demandas laborais do persoal sanitario, cesando ao conselleiro de Sanidade. Tamén se aprobou instar á Xunta a dotar de equipos informáticos e conectividade ao alumnado que o precise para o próximo curso.

mércores, 1 xul 2020

A Corporación Municipal aprobou na sesión ordinaria deste mércores a moción socialista pola que insta ao presidente da Xunta de Galicia a rectificar de inmediato na proposta do cheque regalo de 250 euros ao persoal sanitario e atender as súas demandas laborais, cesando ao conselleiro de Sanidade pola súa responsabilidade política e retirándoo das listas electorais por insultar aos profesionais que arriscaron e seguen arriscando a súa vida por protexer a de toda a poboación galega.

O voceiro socialista, Carlos López Font, defendeu o texto eloxiando o "comportamento exemplar" do persoal sanitario durante a crise sanitaria derivada do Covid-19 fronte aos recortes que veñen sufrindo nos últimos anos e que teñen sido denunciados polas organizacións sindicais representativas do colectivo. Amais, aludiu ao "insulto inaceptable" que supuxo para os sanitarios a proposta dun cheque de 250 euros para gastar en servizos hostaleiros e que tivo un rexeitamento"unánime e xeralizado". A moción recibiu os votos a favor do grupo mixto e do concelleiro non adscrito e o rexeitamento do grupo popular.

Equipos informáticos para o alumnado
A Corporación Municipal deu luz verde tamén - co apoio de tódolos grupos e coa abstención dos populares- á moción socialista que insta á Xunta de Galicia a dotar de equipos informáticos e conectividade para o próximo curso a tódalas nenas e nenos que o precisen, asumindo as súas competencias, e a aboar o custo das conexións e dos ordenadores mercados polo Concello durante a crise sanitaria para dotar de recursos tecnolóxicos ás familias máis vulnerables. Amais a moción, defendida polo edil de Educación Gorka Gómez, demanda que a Xunta empregue os cartos a fondo perdido que o Goberno de España achegará ás Comunidades Autónomas (2.000 millóns de euros) para facer fronte á reapertura dos centros educativos, para reducir o ratio de alumnado por aula e para poñer en marcha programas de reforzo para os estudantes con máis dificultades.