Escoitar

O goberno municipal concedeu 900 novas tarxetas de alimentación durante a crise sanitaria

A demanda incrementouse nun 25% ata chegar ás 5.000 tarxetas concedidas. Desde o comezo da pandemia do Covid-19, o Concello financiou diferentes medidas de carácter social, económico e educativo para afrontar as consecuencias da crise.

martes, 30 xuñ 2020
O alcalde en rolda de prensa
O alcalde en rolda de prensa

Segundo detallou o rexedor este martes, o goberno de Vigo afrontou con recursos municipais toda a acción destinada a abordar os efectos da crise sanitaria o que supuxo, por exemplo, unha dedicación de 1,1 millóns de euros a case 9.000 axudas de emerxencia e a concesión de 2.601 bolsas de comedor a nenas e nenos da cidade.

No caso das tarxetas de alimentación, aumentou un 25% a demanda con 900 solicitudes novas ata un total de 5.000 concedidas nestes momentos.

En canto aos programas destinados a persoas maiores: a axuda a domicilio ten atendido durante a emerxencia sanitaria a 286 familias e son 1200 as usuarias do programa específico de axuda na casa para actividades da vida cotiá, mentres a teleasistencia se viu reforzada coa atención a 788 persoas.

A través do servizo de comida a domicilio entregáronse unha media de 630 menús diarios elaborados polo albergue municipal e polos comedores sociais da Casa de la Caridad-Hogar San José e de Misioneras do Silencio. O programa Xantar na casa rexistrou 80 novas altas de urxencia para persoas maiores que viven soas, o que supón un incremento de case o 50%, e atende a 200 persoas en total. No acompañamento telefónico a persoas en soidade, en colaboración coa Fundación Grandes Amigos, trabállase con 105 persoas das que 28 reciben apoio extra por súa vulnerabilidade e 77 están en seguimento con familiares. No Programa Cultiva a mente, posto en marcha coa Asociación de Familiares de Alzheimer (Afaga), o Concello facilitou 15 tabletas para que as persoas maiores traballen a distancia cos profesionais na prevención do deterioro cognitivo.

No caso das accións destinadas a persoas sen fogar, o goberno municipal abriu o Pavillón do Berbés, aloxou persoas en 5 hoteis para a emerxencia amais do albergue municipal e o de Santa Cruz. Amais, habilitouse un centro de illamento para positivos con 16 habitacións.

O programa socio-educativo de apoio á infancia e familia conta cun equipo de 24 profesionais que interviñeron ata o día de hoxe con 179 familias en case 1000 actuacións realizando 406 xestións de apoio. Os menores recibiron do Concello reforzo educativo de xeito continuado que agora se verá ampliado tamén con clases nos meses de xullo e agosto.

O Programa de igualdade social e dixital permitiu a entrega de 400 ordenadores con conexións a Internet para favorecer o seguimento da docencia online ao alumnado e o equipo para asesoramento e información sobre o Ingreso Mínimo Vital ten atendido xa preto de 5.000 solicitudes.

Convenio con Unicef

Abel Caballero informou este martes da colaboración do Concello con Unicef nun programa cuxo obxectivo é reducir a transmisión e mortalidade por Covid-19 entre a poboación de Siria. Co apoio municipal, cun importe de 10.000 euros, Unicef Siria poderá chegar a máis de 5 millóns de persoas con medios de prevención da infección como artigos de hixiene, xabón e auga.

 

Descargar todas as imaxes