Escoitar

O Concello garante aos clubs deportivos as axudas comprometidas para o exercicio 2020

O Concello abrirá as instalacións deportivas tan pronto como o permitan as autoridades sanitarias e sempre que se cumpran todas as garantías sanitarias. Así llo explicou o alcalde a 60 representantes de clubs deportivos cos que mantivo onte unha reunión telemática na que tamén lles garantiu todas as axudas económicas comprometidas e que superan 1,6 millóns de euros.

mércores, 6 mai 2020

Abel Caballero mantivo onte un encontro con 60 representantes de clubs deportivos de todas as modalidades durante o que lle solicitaron protocolos de actuación para o momento no que se poida retomar a actividade. O rexedor explicoulles que lle transmitiría esa petición ao organismo correspondente e avanzoulles que a apertura das instalacións municipais acometerase tan pronto como as autoridades sanitarias o permitan, xa que debe realizarse con todas as garantías e precaucións. "Imos ser moi rigorosos para evitar contaxios", aclarou.

Ao longo do encontro do que deu conta nunha rolda de prensa telemática, Caballero explicou que o Concello garante todas as axudas comprometidas co deporte que superan os 1,6 millóns, sen incluír as bonificacións nos prezos das instalacións deportivas, cedidas a todos os clubs moi por debaixo do custo. Deste montante, detallou, 925.000 euros son para o deporte de base e xa están a tramitar as axudas e entregaranse de xeito inmediato; 450.000 son para o deporte de elite (a meirande parte xa se cobraron); 40.000 euros son para a promoción do deporte urbano; 105.000 euros, para eventos deportivos e 125.000 euros para a Fundación VIDE. Tampouco esqueceu o apoio ao deporte feminino que se oferta desde Igualdade. O rexedor admitiu un atraso nestes pagos debido á paralización dos prazos administrativos a nivel estatal coa entrada en vigor do confinamento. Respecto ás escolas deportivas, o rexedor avanzou que serán abonadas a parte proporcional das actividades que non se ofreceron debido á paralización imposta polo estado de alarma.

Caballero transmitiu "ánimo e coraxe" aos representantes de clubs porque "no mundo do deporte as solucións non van ser fáciles". Ofreceulles todo "o apoio e a colaboración" porque o é posible que unha parte da da súa acción teña que adaptarse ás novas circunstancias e se trata dun sector "prioritario e da maior importancia" na cidade.

Descargar todas as imaxes