Escoitar

O goberno municipal reforza a seguridade nos buses aos hospitais e ultima o pago exclusivo con tarxeta

Para garantir a distancia mínima entre viaxeiros, un autobús tipo “eiruga” cun segundo vehículo detrás cubrirán as liñas aos centros hospitalarios, segundo anunciou este martes Abel Caballero. Ademais, os accesos e saídas aos autobuses serán pola porta traseira, limítase o aforo ao 30% da capacidade máxima e, en próximos días, prohibirase o pago en metálico.

martes, 24 mar 2020

Son novas decisións “para protexer á cidadanía e adaptarnos ás circunstancias”, medidas trasladadas estes martes polo alcalde e relativas principalmente ao autobús urbano vigués.

“Extremamos as medidas de seguridade” nas liñas que prestan servizo aos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro, avanzou Caballero. Así, nas horas punta, cubrirán estas rutas dous autobuses seguidos: un dobre tipo “eiruga” cun vehículo normal detrás. O obxectivo é conservar a distancia mínima de seguridade (e se é posible, aumentala) entre os viaxeiros dunhas liñas especialmente sensibles como as dos centros hospitalarios.

Por outra banda, o alcalde adiantou que se prohibirá proximamente o pago en metálico nos autobuses, para minimizar o risco de que o condutor sexa eventualmente contaxiado ou contaxie. Esta medida entrará en vigor cando a empresa teña en marcha un sistema que permita expedir e entregar tarxetas de pago nun prazo rápido -que o alcalde estimou “nun par de días” desde a solicitude-. Caballero comprometeu que se informará debidamente da data na que comece a operar o pago exclusivo con PassVigo ou outra tarxeta de pago.

O transporte urbano -que presenta unha caída de viaxeiros próxima ao 92% nesta crise- inutilizará amais o acceso dianteiro ao vehículo. Segundo explicou Caballero, a entrada e saída dos autobuses se realizará polas portas central e/ou traseira, utilizando para pagar unha máquina de validación próxima ao citado acceso, quedando anulada a dianteira, a empraza xunto ao condutor.

Ademais, o aforo do autobús será do 30% da súa capacidade máxima e os viaxeiros están obrigados a manter a distancia mínima de seguridade dun metro, tanto co condutor como co resto de pasaxeiros. Ao efecto, deberá quedar sempre libre unha butaca de separación e non se poderán ocupar as primeiras liñas de asentos.

Comercio e taxas

O Concello de Vigo ampliará as exencións de pago polos servizos educativos que non se están a prestar por mor da crise do coronavirus. Explicou Abel Caballero que os usuarios das oito escolas infantís municipais e das escolas de Música, e-Trad, Teatro e Danza (a EMAO xa é gratuíta) non pagarán durante o tempo que estes centros permanezan pechados.

Por último, o rexedor informou da adopción de medidas para garantir que os establecementos de alimentación teñan un aforo máximo dun terzo da súa capacidade, e mantendo unha distancia de seguridade de non menos dun metro de haber colas nestes locais. “Estamos extremando cada vez máis as precaucións”, anotou Caballero, neste caso polo ben dos traballadores e dos clientes.