Escoitar

Continúa aberta a inscrición para os cursos de historia da arte e historia do cinema no MARCO que comezarán a finais de outubro

Neste mes de outubro, o MARCO retoma as súas actividades de formación para adultos da tempada 2019-20, cunha nova edición dos cursos de historia da arte e de historia do cinema, impartidos por Ana Pereira e José Manuel López, respectivamente, e que terán lugar cada mércores e xoves no salón de actos do Museo, previa inscrición e matrícula.

xoves, 10 out 2019
1570710122fitzcarraldo.jpg
Curso HISTORIA DA ARTE

"A evolución do proceso creativo. De Miguel Ángel a Jean-Michel Basquiat"
Datas: do 23 outubro 2019 ao 6 mayo 2020
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: Ana Pereira Molares
Lugar: salón de actos
Horario: MÉRCORES, de 19.00 a 20.30
PREVIA INSCRICIÓN E MATRÍCULA. Descontos especiais para estudantes e membros da Agrupación de Amig@s do MARCO
Resumo/avance:
Hoxe máis que nunca, o mundo da creación artística vive inmerso nunha sucesión acelerada e imparable de tendencias e artistas cuxo coñecemento é imprescindible para comprender a arte do noso tempo. Pero non é menos certo que neste proceso tamén se fai necesario formular algo así como un tempo de reflexión, e —por que non— de volta e de valoración das fontes artísticas clásicas, máis presentes na arte actual do que unha lectura superficial sobre esta realidade poidera dar a entender. Esta será a liña discursiva sobre a que se articula este curso. O seu obxectivo principal é non só reivindicar a importancia dunha serie de artistas cuxas personalidades creativas marcaron os seus diferentes contextos cronolóxicos e estilísticos, senón constatar a súa influencia sobre a creatividade máis contemporánea, da que teñen sido fontes constantes e incuestionables.

Curso HISTORIA DO CINEMA

"Viaxes ao imposible (para facer una película, primeiro tes que subir a unha montaña)"
Datas: do 24 outubro 2019 al 7 maio 2020
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: José Manuel López
Lugar: salón de actos
Horario: XOVES, de 19.30 a 21.00
PREVIA INSCRICIÓN E MATRÍCULA. Descontos especiais para estudantes e membros da Agrupación de Amig@s do MARCO
Resumo/avance:
Por cada película que chega a ver a luz, moitas son as que permanecen no limbo do non-filmado. Estas son as únicas películas perfectas porque só existen en potencia, como idea ou como soño. Pode que a beleza do cinema estea precisamente no seu carácter improbable e perecedoiro, no milagroso da súa maquinaria tecnolóxica que, como tal, sempre estará a mercede da imperfección, a anomalía, o defecto ou o erro. No interior de cada película aniña a posibilidade do "non ser" e a historia do cinema será sempre unha negociación entre as súas películas posibles, é dicir, aquelas que chegaron a filmarse e aínda se conservan, e as imposibles; aquelas que non se filmaron xamais ou se perderon para sempre.
Unha das máis fermosas historias posibles do cinema —á que se dedica este curso— é a dos creadores melancólicos que, como dixo Walter Benjamin de Kafka, cortexan constantemente "a pureza e a fermosura dun fracaso". Que o queren todo para en ocasións non chegar a nada, que aceptan o azar como unha parte máis das súas historias, que seguen avanzando a pesar dos accidentes, que non deixan de buscar o norte por moito que o perderan hai tempo, e que aceptan a deriva como ruta creativa. E no horizonte, sempre, a posibilidade de non chegar ou de non rematar de chegar nunca. Pero mentres tanto, que a viaxe sexa fermosa.
Descargar todas as imaxes