Escoitar

O Concello apoia a AFAGA na celebración do Día Mundial do Alzheimer en Vigo

Coincidindo co Día Mundial do Alzheimer, que se conmemora este sábado 21 de setembro, AFAGA organiza diferentes actividades, entre elas, o festival solidario "El Alzheimer no se olvida" con propostas infantís en Praza América e unha gala musical no IES Santa Irene.

martes, 17 set 2019
1568725294afaga.JPG
A concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, participou este martes na presentación das actividades coas que AFAGA, Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia, conmemora o Día Mundial desta doenza. A edil explicou que "Vigo quere ser unha cidade solidaria co Alzheimer" polo que se suma á celebración da data cunha campaña informativa e co apoio a AFAGA cando se cumpren 25 anos do seu labor de apoio e investigación "un labor moi intenso cos enfermos e as familias", sinalou.

Ademais, explicou que o goberno municipal mantén unha "permanente colaboración con AFAGA" apoiando as actividades que desenvolven e "enfocando as políticas de loita contra a enfermidade á atención aos coidadores, que teñen unha carga emocional e de traballo moi grande".

Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA destacou o "compromiso do Concello de Vigo e da sociedade civil coas demencias", apuntando como exemplo a celebración do festival este sábado, que xorde da iniciativa de Verónica Boullosa, que viviu a enfermidade na súa propia familia.

Verónica Boullosa deu conta das actividades previstas para este sábado baixo o lema "El Alzheimer no se olvida", co que queren conciencias da importancia da unión familiar para afrontar unha enfermidade como o Alzheimer. Pola mañá haberá actividades infantís na Praza de América entre as 11 e as 13 horas e, dende as 17 horas, o IES Santa Irene acolle a gala solidaria con música, baile, actividades en familia con entrada gratuíta para todas as persoas que queiran sumarse e un flash mob ás 17 horas fronte ao Centro Comercial 3.

O presidente de AFAGA informou tamén das actividades que teñen organizadas para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer coincidindo cos 25 anos de traballo da entidade. Este xoves, o Auditorio acolle a conferencia do doutor Arturo Vilches baixo o título "Demencias: todo o que debemos saber sobre elas"; o venres, na peonil do Calvario haberá unha mesa informativa sobre a enfermidade; o sábado 21, todos os comerciantes dos mercados de Vigo vestirán un mandil conmemorativo e o domingo 29 de setembro, celebran un encontro de coidadores de enfermos de Alzheimer con actividades orientadas ao ocio terapéutico.
Descargar todas as imaxes