Escoitar

O Concello de Vigo solicitará á Xunta a retirada da candidatura das Illas Atlánticas na Unesco

Abel Caballero anunciou este luns que remitirá de inmediato unha carta ao presidente da Xunta de Galicia para que retire a candidatura das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade. O alcalde de Vigo mencionou os problemas existentes en Ons, onde os veciños están en contra, e en Sálvora, cun vertido de residuos na mesma área mariña.

luns, 19 ago 2019
1566219065190819AlcaldeCies.jpg
O Concello de Vigo solicitará formalmente á Xunta de Galicia que retire a súa candidatura ante a Unesco para declarar as Illas Atlánticas como Patrimonio da Humanidade e apoie a que lidera o goberno local vigués para as Illas Cíes.

Abel Caballero anunciou este luns, durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación, que remitirá unha carta ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, para que renuncie á declaración de Patrimonio da Humanidade para todas as illas do Parque Nacional. Ademais, avanzou que a petición tamén chegará ao Pleno da Corporación Municipal a través dunha moción.

O alcalde de Vigo mencionou o feito de que os veciños de Ons están en contra da petición da Xunta e que, no caso de Sálvora, existe un vertido de 330.000 metros cúbicos de residuos na proximidade da área mariña protexida. "O único que pretendía era parar a candidatura das Illas Cíes, é un desastre de proposta. Foi unha candidatura clandestina e improvisada, sen apoio científico nin estudio que o avale", sinalo o rexedor durante a rolda de prensa.

Ademais, o rexedor lembrou que a Unesco sinala que é imprescindible a participación da xente do lugar e, entre os interlocutores necesarios, cita aos propietarios dos bens, aos xestores e ás administracións locais.

"O criterio fundamental para ser Patrimonio da Humanidade é o apoio dos habitantes da zona, é o criterio central", asegurou Caballero. A proposta das illas Atlánticas responde ao "desexo" da Xunta de Galicia "de obstaculizar a candidatura de Cíes Patrimonio da Humanidade", valorou o alcalde.
Descargar todas as imaxes