Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
venres, 19 de xullo de 2019

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


Vigo prorroga a exposición sobre os 130 anos de historia da Escola de Artes e Oficios

Se ben estaba previsto a súa clausura o venres 19 de xullo, dada a demanda do público e o interese suscitado por esta mostra, o Concello decidiu ampliar o seu período expositivo ata o vindeiro 4 de outubro, se ben permanecerá pechada durante o mes de agosto. Ata o momento foi visitada por preto de 2.000 persoas.

O Concello de Vigo decidiu que a exposición "A Escola de Artes e Oficios. 130 anos de historia (1886-1976)" continúe aberta ata o vindeiro 4 de outubro debido á gran demanda de visitantes. A mostra, aberta o 7 de xuño (laborables de luns a venres de 19:00 a 21:00 horas) e que estará pechada durante o mes de agosto, xa recibiu case 2.000 persoas.

130 anos
No ano 2016 a Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO) cumpriu 130 anos. Ininterrompidamente dende a súa creación en 1886 vén desenvolvendo un importante servizo de carácter educativo e sociocultural á poboación da nosa cidade. A exposición que agora presentamos percorre a historia desta institución dende o seu nacemento ata os os fins da Ditadura.

A historia
No ano 1886 un fato de ilustres cidadáns, nomeadamente Eduardo Chao, Eugenio Montero Ríos, Augusto Bárcena, Manuel Diego Santos, imbuídos do espírito ilustrado da Institución Libre de Ensinanza (ILE) e convencidos de que o grande pulo social e industrial que Vigo encetaba nos finais do século XIX sería imposible sen unha acción sistemática e organizada
de formación cultural e profesional das súas clases traballadoras, deciden impulsar e crear en Vigo a Escola de Artes e Oficios(EAO).

Comeza así a desenvolverse un ambicioso programa de estudos dirixido á capacitación básica dos e das traballadoras. Ante o éxito da iniciativa, axiña foron insuficientes os locais elixidos para a súa sede na rúa do Circo (hoxe Eduardo Iglesias).

Consciente da necesidade de dar cobertura ás crecentes necesidades de formación e ao propio éxito da implantación da Escola, no ano 1900 José García Barbón fai xenerosa doazón á cidade dos edificios que albergarán ata os nosos días a EAO.

Ao tempo, créase a primeira Biblioteca Pública de Vigo e o Concello de Vigo pasa a ser o xestor e principal financiador da Institución. Un dos seus primeiros directores, Fernando García Arenal, fillo da inesquecible Concepción Arenal, testemuña a relación expresa da EAO coa filosofía e práctica da ILE.

A Escola de Artes e Oficios acompañou e garantiu o desenvolvemento da cidade, tanto no que se refire ao industrial como ao arquitectónico, social e artístico, especialmente dende o inicio ata o derradeiro terzo do século XX, momento no que a aparición e implantación progresiva dun ensino profesional e técnico oficial nos anos 70 significou, primeiro, a decadencia e, logo, xa coa Democracia, a recuperación da institución sen que perderan, renovándoos, os principios de educación popular e permanente, compromiso social, excelencia técnica, interdisciplinariedade e creatividade que alumaron as súas orixes.

Obxecto
Amosar e analisar o desenvolvemento histórico da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo dende a súa creación en 1886 ata o ano 1976. Con isto quérese demostrar a estreita relación e o papel esencial da EMAO no desenvolvemento urbano, arquitectónico, industrial e cultural de Vigo.
Mais noticias
O Goberno de Vigo aproba a ordenación provisional e favorece a 48.000 propietarios de parcelas
O Concello revela "risco de caída" nas árbores retiradas da Gran Vía
O goberno municipal critica o trato discriminatorio da Xunta cos festivais de Vigo
O Concello pide "solución" á Xunta ante a falta de prazas en residencias para maiores


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003