Escoitar

O Concello abre as piscinas de Samil para a temporada de baño con doce socorristas

As piscinas de Samil xa están abertas desde este 1 de abril, de 10:00 a 20:00 horas, cun dispositivo de doce socorristas. Ademais, o Concello traballa na instalación dunha varanda no paseo e na reparación do pavimento, duchas, bebedeiros e lavapés. Xa están reformados os baños e aseos.

luns, 1 abr 2019
O Concello de Vigo abriu este luns, 1 de abril, ao público as catro piscinas de Samil cun dispositivo de doce socorristas que prestarán o seu servizo entre as 10:00 e as 20:00 horas, aínda que coa chegada do verán o horario ampliarase ata as 22:00 horas.

O goberno local tamén está traballando en varios puntos para ter preparada a contorna de Samil para a temporada de verán. Así, xa comezou a instalación de 450 metros lineais de varanda de aceiro inoxidable no paseo cun orzamento de 121.000 euros cos que se cubrirá un terzo da praia, fundamentalmente nas zonas con maior desnivel, por razóns de seguridade pero tamén de estética.

Ademais, o Concello tamén leva a cabo traballos de arranxo do pavimento do paseo da praia, no que xa se ten completada case toda a superficie que estaba danada e algo deteriorada, nunha obra que ten un presuposto de case 20.000 euros.

Está rematada xa a reforma dos catro baños públicos da praia cun investimento de 43.000 euros e os trabalos céntranse agora na mellora das duchas, bebedeiros, lavapés, mobiliario urbano e accesos para persoas con discapacidade física.