Escoitar

Manel Fernández di que "xa ruxen os motores" coa nova edición do Galiexpo Motor Show, en febreiro

Galiexpo Motor Show vaise celebrar do 1 ao 3 de febreiro no Instituto Feiral (Ifevi), segundo anunciou hoxe Manel Fernández, concelleiro de Deportes, que presentou o evento acompañado polo xerente do mesmo, Joaquín Portabales, e polo xerente do Ifevi, Arsenio Prieto.

venres, 25 xan 2019
1548432599galiexpo.JPG
De venres a domingo, a primeira fin de semana de febreiro, o salón chegará con entradas a 6 euros (como o ano pasado) e unha oferta multidiciplinar: para os afeccionados ao mundo do motor, para os da náutica e tamén para familias pois haberá animacións infantís.

O edil felicitou á organización polo seu "traballo e paixón" para que siga a ser como no 2018 "o único de España no seu sector" e afirmou que haberá "actividades comerciais, lúdicas e deportivas, porque abrangue diferentes aspectos, entre eles unha exposición en torno á figura de Ángel Nieto, o que ven a diversificar este evento tan importante".

Medio cento de empresas estarán representadas no salón, que ocupará os pavillóns 2 (expositores) e 3 (competición deportiva) do recinto feiral. A proposta para o público é variada: clásicos, coches de competición, tuning, 4x4 para aventuras, caravaning, quads e motos, sen esquecer a moda, a náutica deportiva e espazos para os nenos e as nenas.

"Somos o único motor show que queda vivo neste tipo de salóns", explicou Portabales, que agradeceu o apoio municipal e o do Grupo Salco, patrocinador do campionato internacional de drift, "por vez primeira con oito pilotos".

A organización confirmou que Pablo e Gelete, fillos de Ángel Nieto, estarán en Vigo "porque queren celebrar con nós esta homenaxe que lle queremos brindar ao campión", indicou Portabales. Nieto faleceu no verán de 2017. Aprovéitase este ano por ser a edición decimotercera (12+1, como o número de sus títulos mundiais de velocidade).

A presentación contou tamén coa asistencia de Agustín Salinas, xerente do Grupo Salco, e os pilotos de drift Martín Nos e o luso Marco Martins, quen manifestou que "veño a representar a Portugal e a miña paixón son os coches, polo que vou contribuír a que a festa do drift sexa mellor e máis visible". O concelleiro de Deportes pechou o acto asegurando que "xa ruxen os motores".
Descargar todas as imaxes