Escoitar

Vigo avanza na elaboración do novo PXOM co programa de traballo e a análise de situación da cidade

Abel Caballero informou este venres da entrega ao resto de grupos políticos deste documento, que fixa un cronograma de traballo e os principais eixos do futuro PXOM, e analiza a situación da cidade e o mercado inmobiliario. O alcalde estimou que en sete meses estará listo o borrador e o documento inicial estratéxico.

venres, 25 xan 2019
1548423316250119Alcalderueda_01.JPG
Na última sesión do consello da Xerencia de Urbanismo, revelou este venres o alcalde, o goberno de Vigo fixo entrega aos grupos políticos do documento de diagnose incluído nos traballos de redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo.

O documento, abondou Caballero, fixa o cronograma de execución dos traballos de redacción, é dicir, o programa de traballo do equipo redactor e a previsión de tramitación do novo Plan. A este respecto, e coa información da que xa dispón o Concello, o alcalde apuntou que en sete meses estará listo o borrador e o documento inicial estratéxico, que permitirán iniciar a tramitación da avaliación estratéxica ambiental.

O "compromiso" do Concello de Vigo para o urbanismo da cidade, tal e como explicou o rexedor en rolda de prensa, pasa por ter aprobado o novo Plan Xeral nun prazo máximo de tres anos e medio desde a aprobación definitiva da ordenación provisional, o que acontecerá previsiblemente antes de que finalice marzo deste ano, indicou Caballero.

O texto entregado aos grupos políticos determina os principais eixos a ter en conta á hora de elaborar o Plan. Detallou Abel Caballero que estes pasan pola aposta polo medio ambiente e a rehabilitación, a xeración de máis espazos urbanos de calidade e a mellora da mobilidade e da sustentabilidade.

Esta "primeira toma de contacto" analiza a situación de Vigo e do seu entorno e relaciona a normativa de aplicación e as infraestruturas previstas ou en estudo que poidan afectar á cidade. O documento analiza igualmente a evolución do mercado da vivenda e da poboación.
Descargar todas as imaxes