Escoitar

Vigo consegue 232.000 euros de subvención estatal para a formación de 100 desempregados

Anunciouno este venres o alcalde de Vigo, quen explicou que o Vigo Integra VI presenta un obxectivo de inserción laboral mínimo do 40% e céntrase en colectivos como persoas con discapacidade, menores de 30 anos ou mulleres, entre outros.

venres, 2 nov 2018
Abel Caballero anunciou este venres que o Concello vén de conseguir 232.000 euros de fondos estatais para levar adiante o programa de emprego Vigo Integra VI.

Segundo explicou, esta iniciativa formará a un centenar de persoas desempregadas, procedentes do Servizo Público de Emprego. O goberno vigués céntrase en perfís como discapacitados, persoas en risco de exclusión social, menores de 30 anos, mulleres, parados de longa duración e inmigrantes. O obxectivo, engadiu, é acadar a incorporación no mercado laboral de alomenos corenta dos cen participantes.

Vigo Integra VI ofrecerá formación adaptada aos distintos perfís e intereses, con persoal dedicado á orientación laboral e á prospección de demanda de emprego nas empresas.

Axudas ao emprendemento
Por outra banda, e tamén ligado ao emprego, o alcalde informou este venres da concesión de 70.000 euros en axudas municipais á creación de empresas, unha convocatoria pública da que resultaron beneficiarios 33 sociedades ou autónomos.