Escoitar

O Concello desenvolverá un novo plan especial para urbanizar o ámbito do Couto San Honorato

A Xerencia Municipal de Urbanismo concedeu licencia para a demolición de oito ruínas en San Roque despois de que unha promotora inmobiliaria solicitara un novo Plan Especial de Reforma Interior (PERI) da zona do Couto San Honorato. O alcalde valorou os avances do goberno local en materia urbanística.

xoves, 30 ago 2018
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este xoves que o Concello de Vigo dotará dun novo Plan Especial de Reforma Interior (PERI) á zona do Couto San Honorato para desenvolver o ámbito e construír novas vivendas, vieiros, zonas verdes e aparcamentos.

A Xerencia Municipal de Urbanismo deu o visto e prace a oito licencias de demolición solicitadas para construcións en estado de ruína na rúa Vázquez Varela, onde o plan urbanístico está vixente, e no Couto de San Honorato, onde será necesario un novo plan especial por estar anulado o actual.

Unha promotora inmobiliaria pediu as autorizacións pertinentes para derribar os restos e limpar a maleza, ademais de solicitar ese novo PERI no Couto San Honorato. "Os veciños de San Roque reclamaron hai tan só dous meses a retirada das ruínas e xa o resolvemos, xa están as licencias de derribo", sinalou Caballero durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación.

O desenvolvemento dos polígonos de Vázquez Varela e Couto San Honorato van acompañados por outras melloras xa en marcha nas zonas de Isabel A Católica, rúa Colombia e travesías de Calaza e Forno.

"Este Concello actúa sen parar, foron outros gobernos os que non actuaron, este PERI de San Roque fracasou porque outros gobernos non os levaron adiante", explicou o alcalde.

ARI Coia
Por outra banda, Abel Caballero explicou que a Xerencia de Urbanismo aprobou a ampliación da Área de Rehabilitación Integral de Coia (rúas Bueu e Coia) para que os propietarios de 1.000 vivendas (antes eran 300) poidan acollerse a achegas destinadas a reformar as súas casas. O alcalde destacou que durante a votación do consello, o Partido Popular abstívose e Marea de Vigo non acudiu.