Escoitar

O goberno de Vigo subvenciona o deporte de base con 850.000 euros, o dobre que hai tres anos

O goberno vigués vén de resolver a convocatoria de subvencións a clubs deportivos de base, con 174 entidades beneficiadas e un importe total de 850.000 euros, cando no 2015 a cifra era de 430.000. Caballero puxo en valor o cumprimento do seu compromiso de duplicar a axuda neste mandato e avanzou un novo incremento desta partida no orzamento de 2019.

martes, 17 xul 2018
O alcalde de Vigo informou este martes da resolución da convocatoria de subvencións a entidades deportivas de base para a presente tempada, con 174 clubs e agrupacións deportivas beneficiadas cun importe total de 850.000 euros.

Caballero valorou o orzamento adicado nesta convocatoria, o dobre que hai tres anos, cumprindo así o compromiso asumido polo propio alcalde. Así, o Concello adicaba a este programa 430.000 euros no 2015, cantidade que subiu ata os 550.000 euros no 2016 e aos 750.000 no pasado ano, ata os 850.000 deste 2018. É "a maior subida" do apoio ao deporte de base de ningunha cidade de España, asegurou Caballero, quen adiantou que no 2019 volverá a incrementarse a partida.

O goberno de Vigo reserva distintas liñas de apoio ao deporte e aos clubs, un respaldo directo ás entidades que achégase aos dous millóns de euros este ano para a base e o deporte de elite, segundo aseverou o alcalde.

Igualdade
O goberno de Vigo tamén deu luz verde ao programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para realizar actividades de promoción da igualdade. Explicou Abel Caballero que o Concello dedica ao efecto 46.000 euros e resultaron beneficiarias 52 entidades.

A administración que dirixe Caballero contribúe así ao desenvolvemento de programas e actividades de educación en igualdade, conciliación e corresponsabilidade, violencia machista, liderado, emprego e formación, entre outras.