Escoitar

Caballero anima ao Remo Coruxo ante a Bandeira Concello de Vigo de traiñeiras, este domingo no Vao

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo segundo tenente de alcalde, David Regades, e polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, desexou "boa sorte" ao Club de Remo Coruxo, representado polo seu presidente, Darío Fernández, e polo seu adestrador, David Serodio, para a XXVI Bandeira Concello de Vigo de traiñeiras, que se celebrará este domingo día 8 no Vao (12:00 horas) co patrocinio municipal.

mércores, 4 xul 2018
1530719984traineras.JPG
Once tripulacións de toda Galicia, entre as que se inclúe a embarcación de Coruxo, e unha de Asturias (Castropol) pelexarán polo triunfo en tres quendas de catro traiñeiras. A proba é a cuarta do calendario 2018 da División A na Liga Galega de Traiñeiras. O CR Coruxo, que este ano pelexa pola permanencia -perdeu nove remeiros-, milita na categoría dende 2015, á que ascendeu no verán de 2014.

Samertolameu manda no palmarés (doce bandeiras), defende a vitoria de 2017 e no que vai de campionato chega como líder. O Coruxo ondeouna no 2014, cando era Liga B, e tamén en 2016, xa en División A.

Caballero interesouse pola competición e recoñeceulle ao Club de Remo Coruxo "o enorme esforzo que require o voso deporte; sei o duro que é", dixo. Ademais colleu a bandeira que se entrega ao campión, coas cores da cidade. "Coidade esta bandeira", pediu o rexedor a directivo e técnico, en presenza de Regades e Fernández.

O obxectivo do Remo Coruxo este ano é evitar a praza de descenso directo á Liga B e a penúltima posición, que obriga á disputa dunha promoción. "Son ciclos", explicou o presidente.

A Bandeira Concello de Vigo pon en xogo 9.000 euros en premios en metálico. Dende 2011 a organización da proba pertence ao Club de Remo Coruxo e a ponte de Toralla e a praia do Vao son escenario das quendas.

O resto de rivais: Samertolameu, Puebla, Castropol, Bueu, Mecos, Chapela, Amegrove, Vilaxoán, Mera, Ares e Rianxo.
Descargar todas as imaxes