Escoitar

O concelleiro Manel Fernández anima á cidadanía a que asista aos Xogos Autonómicos de fútbol sala, o domingo nas Travesas

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, presentou hoxe a vixésima terceira edición dos Xogos Autonómicos Special Olympics de fútbol sala, que se desenvolverán o vindeiro domingo 6 de maio na Pista Vermella do complexo deportivo municipal das Travesas, co patrocinio do Concello e da Deputación.

luns, 30 abr 2018
1525103515IMG_5131.JPG
Acompañado do pai Carlos Ortiz e Eladio Fernández, fundador aquel e actual presidente da Asociación Galega San Francisco este, e polos deportistas Gloria Balado e Manuel Domínguez, o edil socialista quixo "recoñecer o traballo da asociación a prol da súa actividade" e invitou "á cidadanía a que presencie os partidos de fútbol sala" nunha xornada que cualificou de "chea de emoción, sensacións, deporte e ampla participación".

A Pista Vermella, totalmente remodelada o pasado verán, recibe unha competición que volve ás Travesas cinco anos despois e que na última década se disputou en Vigo en tres oportunidades (2009, 2011 e 2013). Cada ano, Vigo é referencia das competicións organizadas por Special Olympics Galicia e que na cidade promove a Asociación San Francisco.

Nas Travesas competirán nos seus diferentes niveis uns 280 xogadores e 68 técnicos distribuídos entre 19 agrupacións das provincias de Lugo (6 equipos), A Coruña (5), Ourense (4) e Pontevedra (4). De Vigo participa a Asociación San Francisco. A inauguración está prevista ás 10:45 e a competición vaise a iniciar ao mediodía, coa cerimonia de clausura marcada para as 19:00 horas.

O fútbol sala é a modalidade que máis veces se xogou en Vigo nesta década. Os equipos poden contar con dous xogadores 'unificados' "pero só un en pista", é dicir, sen discapacidade intelectual, para "mover o xogo" e dar oportunidades a todos os seus compañeiros.

O campionato pertence tamén á Semana de Información sobre as Persoas con Discapacidad Intelectual, que San Francisco organiza desde este pasado domingo ata o domingo 6. "Faltábanos o protagonismo dos personaxes da historia e Special Olympics apoiou incluír o evento deportivo na Semana", sostivo o pai Carlos.

Eladio Fernández, pola súa banda, agradeceu o "apoio persoal e institucional" do Concello e do resto de institucións implicadas e recoñeceu que a sociedade viguesa é "moi solidaria", á vez que anunciou que haberá medio cento de voluntarios para dar cobertura ao trofeo.

Nunha década xa competiron nas instalacións municipais do complexo das Travesas e de Balaídos máis de 3.500 participantes con discapacidade intelectual.
Descargar todas as imaxes