Escoitar

O Concello proxecta por 240.000 euros un novo vial de acceso ao colexio Párroco don Camilo

Segundo adiantou Caballero este martes, o goberno de Vigo elaborou o proxecto dun novo acceso ao centro desde a estrada de Camposancos. O actual vial polo que accede o alumnado carece de beirarrúas. O alcalde considera "da maior importancia" crear unha nova entrada que ningún goberno anterior sequera previu

martes, 6 feb 2018
1517926204ColegioDonCamilo.jpg
A Xerencia de Urbanismo do próximo xoves, adiantou este martes o alcalde, tomará coñecemento da incoación do expediente do proxecto para o novo vial de acceso ao CEIP Párroco don Camilo, en San Andrés de Comesaña.

Segundo explicou o propio Caballero, actualmente o acceso ao centro prodúcese por un vial con salida a Matamá-Pazo, estreito, sen urbanizar e sen beirarrúas. A nova rúa proxectada polo Concello partirá da estrada de Camposancos, terá dous carrís de circulación, unha liña de estacionamento e beirarrúas, ademais dun novo sistema de alumeado, novas redes de saneamento, abastecemento e pluviais.

O goberno de Vigo prevé expropiacións de dous mil metros cadrados en catorce parcelas e un orzamento de execución próximo aos 250.000 euros, dos que aproximadamente 60.000 serían para a consecución dos terreos. Desde o seu comezo, as obras estarían concluidas en catro meses.

O alcalde concede á obra "a maior importancia" e lamentou que ningún goberno anterior a tivo en conta e nin sequera figuraba prevista do Plan Xeral de 2008. Ao carecer de sostén urbanístico, o Concello de Vigo require para a súa execución da aplicación da chamada "Lei Vigo", a Lei 3/2016 para obras de especial interese, polo que enviará o proxecto "inmediatamente" á Xunta de Galicia.

Cheque social
En rolda de prensa, Caballero tamén informou da incorporación de oito profesionais para a xestión da tramitación administrativa do programa de axudas extraordinarias a familias para gastos de vivenda, enerxía e alimentación, o coñecido como "cheque social".

Recordou o alcalde que esta iniciativa municipal concede axudas económicas a persoas con menos recursos, un programa "moi importante que necesita dun reforzo de persoal" para o que o Concello de Vigo destina máis de 2,5 millóns de euros. Caballero comparou esta cifra cos 100.000 euros que adica A Coruña ao efecto ou a inexistencia de recursos no resto de cidades galegas.
Descargar todas as imaxes