Escoitar

A tramitación electrónica no Concello de Vigo creceu un 20% en 2017

O alcalde destacou que os datos do ano pasado relativos a procedementos poñen de relevo que o Concello é "pioneiro" na utilización dos sistemas "online". As estatísticas apuntan a que un 75 dos rexistros xa se fan a través da sé electrónica.

venres, 26 xan 2018
O Concello de Vigo rexistrou no último ano un incremento do 20 por cento en tramitación electrónica ao alcanzar os 470.000 procedementos. O alcalde destacou que Vigo xa é "pioneiro" na utilización de sistemas electrónicos e incidiu no aforro que supón en 2017.

Segundo os datos avanzados por Abel Caballero, os 470.000 trámites foron feitos por 110.000 cidadáns e 10.000 empresas. Ademais, tamén houbo un total de 2 millóns de consultas e 2 millóns de visitas á páxina oficial vigo.org. "A tramitación electrónica supón un gran aforro e mellora da competitividade para a cidadanía, empresas e administración", explicou o rexedor antes de apuntar que o o sistema evita que teñan que ser impresos 1 millón de documentos ou facer 500.000 desprazamentos na cidade, o que supón 400 toneladas de CO2.

"Estes datos poñen de relevo que somos un dos concellos que máis utilización teñen dos sistemas electrónicos e, por exemplo, as tramitacións en Urbanismo evitan decenas de metros de papel para imprimir planos", engadiu.