Escoitar

Caballero entregou os premios VIDE 16/17, que valoran a tempada e a traxectoria do fútbol vigués

Caballero fixo entrega dun total de nove premios, un deles ex aequo polo ascenso do primeiro equipo sénior tanto do Santa Mariña (a 1ª Autonómica) como do Teis (a 2ª Autonómica), aquel como campión e este na promoción. O alcalde, que felicitou un por un a todos os premiados, explicou que o fútbol "é unha auténtica revolución" e desexou máis éxitos para o futuro a todos os presentes.

xoves, 25 xan 2018
1516905907IMG_3117.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, entregou hoxe na Alcaldía os premios VIDE, que recoñecen traxectorias e éxitos rexistrados a campaña pasada (2016/2017) no fútbol local. O rexedor departiu cos premiados aos que felicitou polos seus éxitos. Cada un recibiu de mans do xefe do goberno vigués o trofeo de homenaxe.

Dende 2014 os premios, por mandato municipal, teñen en conta a todos os estamentos do fútbol vigués, dende deportistas ou adestradores a árbitros, sen esquecer a dirixentes ou a empresas implicadas no desenvolvemento deste deporte.

Caballero fixo entrega dun total de nove premios, un deles ex aequo polo ascenso do primeiro equipo sénior tanto do Santa Mariña (a 1ª Autonómica) como do Teis (a 2ª Autonómica), aquel como campión e este na promoción. O alcalde, que felicitou un por un a todos os premiados, explicou que o fútbol "é unha auténtica revolución" e desexou máis éxitos para o futuro a todos os presentes. Os premios valoran fundamentalmente a campaña anterior, pero tamén consideran as traxectorias dos premiados.

Os premios
Mellor futbolista. Alberto Dacuña, "Berto", milita no Gran Peña.
Conquistou a Copa Vigo, o torneo máis antigo de Galicia, os tres últimos
veráns. En 2016 co Victoria, en 2017 e 2018 co Gran Peña. A súa é a banda
esquerda, tanto como lateral como de extremo.

Mellor futbolista feminina. Tania Penedo. Leva dúas tempadas no Sárdoma,
en 2ª División. A campaña 16/17 sumou 20 goles. É unha "9" de talento.
Ademais, conquistou a Copa Vigo (Sárdoma), a Copa Deputación (Sárdoma) e a
Vigo Cup (NBS Seguros, fútbol 7) nun fantástico verán.

Mellor dirixente. María Victoria Villaverde preside o Club Descanso
Sampayo dende 2004 e esta é o seu decimoctava tempada á fronte da entidade.
O club naceu en 1981. É a única muller á fronte dunha entidade futbolística
local.

Mellor adestrador. Anunciación Davila, "Tita", estivo boa parte da súa
vida vinculada ao balonmán (foi a descubridora da pivote internacional
Begoña Fernández). Dende hai máis dunha década traballa coa canteira do
fútbol. Primeiro no CD Coya, despois no Arenas de Alcabre e os últimos
catro anos no La Guía, onde é a coordinadora da escola de fútbol e adestra
un equipo de base.

Mellor club. Santa Mariña e Teis lograron o ascenso ao término da tempada
16/17 a 1ª e 2ª Autonómica, respectivamente. É un habitual da Vigo Cup,
cuxos equipos de base gañárona en varias ocasións. Recolleron o premio Xosé
Carlos Blanco e Antonio Collazo, os seus respectivos presidentes.

Mellor árbitro. Cristian Vázquez. Con 30 anos, leva catro tempadas como
árbitro asistente vigués. A delegación de árbitros de Vigo segue a dar bos
colexiados, formados moitos deles non só pola competición federada, senón
tamén pola experiencia que dá a intensidade da Vigo Cup.

Mellor patrocinador. Frutas Nieves. É unha firma fiel a todas as
manifestacións deportivas de base da cidade e en especial aos torneos de
formación: Vigo Cup (verán) e Concello de Vigo (Nadais). Recolleu o premio
Armando Gayar, o seu xerente.
Descargar todas as imaxes