Escoitar

O Concello oferta 212 novas prazas de emprego público

O rexedor anunciou a aprobación en Xunta de Goberno Local da oferta de emprego público do ano 2017 cun total de 80 prazas. A estas súmanse outras 132 do Plan Vigo Emprega, vinculadas ao Programa Vigo Vertical.

venres, 29 dec 2017
O alcalde informou en rolda de prensa da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local dunha oferta de emprego público correspondente ao ano 2017 pola que o Concello de Vigo oferta 80 prazas en diferentes servizos municipais. 62 prazas en libre concorrencia e outras 18 para promoción interna. O alcalde quixo destacar que "a administración debe ter un carácter exemplarizante na integración" polo que un 6% das prazas resérvanse para persoas con algún tipo de discapacidade "moi por enriba do 2% ao que obriga a lei".

Por outra banda, o rexedor incidiu na "importancia das políticas públicas de promoción do emprego" ao anunciar a contratación de outras 132 persoas a través dunha nova edición do programa Vigo Emprega, vinculado ao proxecto Vigo Vertical dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible financiada con fondos FEDER, no que se ofertan empregos relacionados co ámbito da construción, da xardinería, a administración e a prevención de riscos, entre outros.