Escoitar

O goberno de Vigo aproba o programa de arte urbana para actuar sobre outras 15 medianeiras

Tras unha Xunta de Goberno Local, Caballero informou este martes da aprobación da edición 2018 do programa de medianeiras, que suporá o embelecemento artístico doutra quincena de espazos na cidade. Sumando as actividades culturais complementarias, o Concello adicará medio millón de euros a esta iniciativa de arte urbana.

martes, 28 nov 2017
O alcalde de Vigo deu conta da aprobación dunha nova edición, a cuarta, deste programa de arte urbana, que suporá a actuación sobre outras quince medianeiras da cidade no próximo ano.

Este proxecto municipal ofrece un escaparate aos artistas e procura ademais seguir contribuíndo na recuperación e revitalización do entorno urbano. A iniciativa inclúe o embelecemento de espazos públicos como medianeiras, a decoración de exteriores dos colexios -contando coa colaboración dos centros educativos vigueses- e o desenvolvemento de actividades artístico-culturais en toda a cidade, como obradoiros de pintura, performances ou actividades musicais.

O Concello de Vigo destina 350.000 euros á actuación sobre quince medianeiras da cidade, explicou Caballero, quen apuntou que o orzamento subirá ao medio millón de euros coas actividades culturais que se levan adiante en paralelo.

Quirós e Canceleiro
En rolda de prensa, Abel Caballero informou da aprobación da clasificación na contratación da redacción do proxecto do novo pavillón de Quirós, en Sárdoma. O alcalde recordou que esta nova instalación deportiva na cidade conta con partida no orzamento do Concello para 2018 e a súa construción suporá un investimento estimado de 3 millóns de euros.

Por outra banda, o goberno de Vigo deu luz verde á proposta de adxudicación da contratación da humanización da rúa Canceleiro, no treito comprendido entre a rúa Rosalía de Castro e a Avenida García Barbón.