Escoitar

O Concello súmase ao 25-N cunha onda xuvenil contra as violencias machistas

O Concello, co Consello municipal da muller, organizou o Enlaza Vigo deste ano co lema "A mocidade viguesa na onda contra a violencia de xénero", que hoxe venres celebrou o seu acto central no pavillón das Travesas coa participación de 2000 escolares da cidade. O alcalde avogou por unha "posición de Vigo en loita continua contra as violencias machistas".

venres, 24 nov 2017
1511532333PB250209.JPG
O Concello de Vigo conmemorou este venres o Día Internacional contra la violencia de xénero, que se celebra en todo o mundo o 25 de novembro, coas actividades do Enlaza Vigo 2017.

A campaña de información e sensibilización xuvenil municipal desenvólvese este ano co lema "A mocidade viguesa na onda contra a violencia de xénero" e tivo o seu acto central este venres no Pavillón das Travesas onde arredor de 2.000 escolares vigueses dunha veintena de centros educativos amosaron o seu rexeitamento á violencia contra as mulleres e realizaron unha onda para que o seu movemento se estenda polo resto do mundo.

En declaracións aos medios, o alcalde enfatizou "a posición de Vigo en loita continua contra as violencias machistas" e engadiu que "temos que seguir facendo unha mobilización continua da sociedade, en todas as idades", singularmente "na xente nova". Caballero aseverou que a igualdade é "un dereito inalienable que hai que garantir", en particular a salarial: "temos que facer da igualdade salarial un gran lema social".

No acto gardouse un minuto de silencio en recordo das vítimas da violencia de xénero e o alumnado puido visitar a exposición "Violencia sexual na xuventude. Infórmate", a exposición colectiva cos traballos realizados polos estudantes, accións informativas para a prevención da violencia machista da man de María Lado e Llerena Perozo e realizaron dinámicas de grupo con coreografías, música rap e intervencións de prevención da violencia.

Ao longo do mes de novembro, estudantes de 38 centros educativos vigueses teñen realizado tamén actividades na aula e na cidade coa elaboración lonas ou de microvídeos para concienciarse e concienciar sobre a necesidade de erradicar esta lacra.
Descargar todas as imaxes