Escoitar

O Concello subastará soares e edificios abandonados ou ruinosos para "axilizar" a súa recuperación

Caballero informou que o goberno de Vigo elevará a consulta pública a ordenanza reguladora de edificación forzosa e rexistro municipal de soares, norma coa que o Concello elaborará un rexistro de soares e edificacións abandonadas ou en ruinas que, no prazo dun ano, sairán a subasta pública. O alcalde valora esta medida "positiva" para "axilizar" a recuperación destes espazos.

martes, 21 nov 2017
O alcalde, Abel Caballero, avanzou este martes que o Consello da Xerencia municipal de Urbanismo leva esta semana a consulta pública para a aprobación desta ordenanza, unha ferramenta que permitirá ao Concello "activar" soares e edificacións que se atopen en estado de ruina ou abandono.

Trátase dunha normativa "moi importante", segundo expuxo Caballero, pois co novo texto o goberno vigués poderá elaborar un rexistro municipal de vivendas e soares abandonados, propiedades que, unha vez incorporadas á nomeada listaxe, o Concello sacará ao mercado no prazo dun ano por medio de subasta pública.

O alcalde puxo en valor unha ordenanza que servirá para actuar sobre soares de propiedade descoñecida ou desatendida, "axilizar" a recuperación duns espazos da cidade en mal estado e "seguir completando unha parte importantísima da cidade". Caballero avanzou que se comezará cos casos máis urxentes, unha vez a norma entre en vigor.

Ascensores
En rolda de prensa, e como parte da Xerencia de Urbanismo deste xoves, Caballero tamén informou da convocatoria de axudas municipais para a instalación de elevadores, mellora da accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas en edificios de máis de 30 anos.

O Concello adica ao respecto un total de 50.000 euros de subvención, explicou Caballero, quen avanzou que foron presentadas ante Urbanismo un total de 16 solicitudes para instalar ascensores ou ramplas de acceso nos portais.