Escoitar

O Concello outorga licencia de primeira ocupación para o centro comercial de Pizarro

O novo espazo de tres plantas abrangue case 17.000 metros cadrados. A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a prórroga dun ano do contrato de CEDRO por 700.000 euros, 65.000 euros para a creación de empresas e axudas a 20 deportistas de alto nivel.

venres, 3 nov 2017
Abel Caballero informou este venres da aprobación por parte da Xerencia de Urbanismo da licenza de primeira ocupación solicitada pola mercantil PIZARRO GESTIÓN S.L. para o centro comercial situado na rúa Pizarro. Cunha superficie de case 17.000 metros cadrados de usos terciarios, consta de tres plantas, soto destinado a garaxe-aparcamento, planta baixa para dous locais comerciais e alta para oficinas e zona comercial.

O alcalde valorou o "lugar excepcional" no que se sitúa o edificio cuxa actividade significará unha recuperación "moi importante" dunha zona do centro da cidade. Explicou tamén que os locais de usos terciarios deben presentar a súa correspondente comunicación previa de obras de adaptación e, posteriormente, o inicio de actividade acreditando as condicións esixidas.

A Xunta de Goberno Local deu luz verde á prórroga dun ano do contrato do servizo sanitario de asistencia a persoas con problemas derivados do consumo de drogas (CEDRO) cun importe de 700.000 euros así como á concesión das Axudas municipais á creación de empresas que, con 65.000 euros e o obxectivo de xerar emprego, irán destinadas a 26 empresas de diferentes sectores: hostalería, alimentación, taller, moda ou electrodomésticos. Quedou aprobada tamén a convocatoria de subvencións para potenciar a participación de deportistas da cidade en competicións oficiais de alto nivel cunha asignación de 50.000 euros, dos que se benefician 20 deportistas e a promoción dun proxecto empresarial vigués como Iniciativa Local de Emprego.