Escoitar

O Concello programa para Tódolos Santos un concerto, exposicións e visitas guiadas en Pereiró

O alcalde explicou que este ano se investiron case 100.000 euros en obras nos cemiterios e deu conta das actividades infantís de Samaín programadas para este martes pola tarde na Porta do Sol, en Príncipe e no Calvario. Ademais, refórzanse as liñas de autobús urbano que conectan cos cemiterios. <br />

luns, 30 out 2017
O alcalde informou este luns das actividades previstas no Cemiterio de Pereiró con motivo da celebración de Tódolos Santos este mércores, Primeiro de novembro, para o que está previsto un concerto do grupo de cámara da Unión Musical de Valadares entre as 12 e as 13:00 horas do mediodía.

Ademais, o Concello organizou unha exposición conformada por catro paneis con diferentes puntos de interese: o primeiro ofrece un resumo da historia dos camposantos municipais nos séculos XIX e XX, desde a creación de Pereiró; o segundo amosa a riqueza artística iconográfica e a riqueza cultural dos cemiteros; o terceiro está dedicado á Illa Sur das Cíes, onde se pode observar a cruz erguida en lembranza dos 26 mariñeiros que perderon a vida no naufraxio do pesqueiro Ave do Mar en 1956 e o cuarto panel exhibe o labor de recuperación do cemiterio de Cíes realizado o pasado ano polo goberno local. Todas as persoas que se acheguen a Pereiró poderán contemplar tamén o coche fúnebre antigo, de propiedade municipal.

Abel Caballero informou das obras realizadas este ano nos cemiterios que ascenden a case 100.000 euros. En Pereiró, reparouse a fonte ornamental da zona posterior á capela, repararase a porta da mesma e construíronse 108 cinceiros. En Teis elimináronse barreiras arquitectónicas coa construción de ramplas para facelo máis accesible, habilitáronse 54 cinceiros e reparouse o pavimento. En Lavadores acometéronse arranxos na capela, en Zamáns melloras no xardín do recinto e en Cíes, realízase o seu mantemento.

Con motivo do 1 de novembro, o Concello reforzará o transporte urbano nas liñas de autobús que prestan servizo aos cemiterios, incorporando os que sexan necesarios en función da demanda e ampliando a frecuencia de tres liñas: C3, L15 e L17.


Visitas guiadas
No camposanto de Pereiró continúan a desenvolverse as visitas guiadas caracterizadas, entre as 19 e as 21 horas da noite, con personaxes de excepción como Concepción Arenal ou Cachamuíña presentando o percorrido. Son de balde, para grupos de 25 persoas, previa inscrición no Centro de Recepción de Visitantes, situado na Estación Marítima de Ría. As visitan realízanse este luns e martes e retómanse desde o 3 e ata o 12 de novembro.

Actividades de Samaín
O goberno municipal programou tamén actividades para os nenos e nenas con motivo do Samaín. Mañá martes a Porta do Sol acolle 8 talleres infantís entre as 17,00 e as 20,00 horas da tarde. Entre as 19,00 e as 20,15 horas desenvólvese animación con pasacalles en Príncipe e na Porta do Sol; no Calvario (na zona peonil, diante do mercado) as actividades serán entre as 17,00 e as 20,00 horas.