Escoitar

O Concello pecha o terceiro Programa de Medianeiras que "seguirá o ano próximo"

Abel Caballero e Carmela Silva presidiron o acto de música e poesía co que remata o terceiro programa municipal de arte urbano que suma 45 murais. Para o alcalde "a sociedade reclama que fagamos un Vigo distinto e este proxecto vai nesa dirección".

xoves, 26 out 2017
1509032453medianeras2.jpg
Un total de 45 obras de arte en muros e medianeiras enchen xa de cor Vigo, converténdoo nun verdadeiro museo ao aire libre, tras a finalización do III Programa "Vigo, cidade de cor".

Esta nova etapa do proxecto foi clausurada oficialmente esta mañá polo alcalde, Abel Caballero, e a tenente de alcalde, Carmela Silva. Ambos estiveron rodeados dun bo número de artistas que participaron no proxecto ademais de numerosos representantes da cultura da cidade.

Caballero agradeceu a todos os pintores que formaron parte desta iniciativa a súa capacidade para "facer Vigo dunha forma diferente" xa que, afirmou, "hai moitas formas de entender esta cidade tan diversa". Para o alcalde, "Vigo sumiuse na segunda metade do século XX nunha etapa de escurecemento e xa era hora de devolverlle a luz". "Estamos nun momento en que a sociedade reclama que fagamos un Vigo distinto, de retomar esa forma de entender a cidade, e este proxecto, que seguirá o ano próximo, vai cara a esa dirección", engadiu.
O acto, como as medianeiras, estivo cheo de cor. Proxectáronse dous vídeos, un deles no que Silva e Caballero reflexionan sobre a cultura urbana, a loita contra o "feísmo" e a participación dos colectivos da cidade na creación das medianeiras, e o outro con belas imaxes dos artistas durante os seus procesos de creación. Ademais, a cantante de orixe palestina Najla Shami puxo música ao evento e os poetas Vanesa Álvarez e Marcos de la Fuente, poesía.
Descargar todas as imaxes