Escoitar

O goberno local contratará con 191.000 euros ao persoal da "gran biblioteca" do Mar de Vigo

Abel Caballero avanzou que mañá xoves a Xunta de Goberno Local aprobará a clasificación de ofertas -a antiga adxudicación provisional- para a contratación dos servizos auxiliares da aula de estudio no Auditorio Mar de Vigo, con 450 prazas. O contrato saiu a licitación por 191.000 euros.

mércores, 4 out 2017
O alcalde anunciou a aprobación mañá da clasificación de ofertas para a contratación dos servizos auxiliares ao funcionamento da "gran biblioteca" do Auditorio Mar de Vigo, un espazo de estudo que conta con 450 prazas.

O contrato presenta un importe de licitación de 191.000 euros e permitirá dotar de persoal de atención á aula. O rexedor puxo en valor que, coa apertura destas 450 prazas, considera cuberta a demanda existente destes espazos no centro da cidade.

Este nova dotación está emprazada xunto á sede viguesa da UNED, que financia integramente o Concello de Vigo con preto de 800.000 euros, segundo recordou Abel Caballero. A Universidade a Distancia xa conta en Vigo con 13 titulacións (Dereito, Enxeñería en tecnoloxías da información, Enxeñería informática, Turismo, Educación social, Estudos ingleses, Administración e dirección de empresas, Ciencias ambientais, Psicoloxía, Ciencia política e da administración, Pedagoxía, Xeografía e Historia, e Historia da Arte. O alcalde vigués anunciou que o Concello solicitará que a UNED imparta outras seis carreiras máis na sede de Vigo.