Escoitar

O alcalde anima á participación na marcha Aspanaex o próximo domingo 1 de outubro

O próximo domingo 1 de outubro todos os vigueses están invitados a participar na 34 edición da marcha Aspanaex que arrancará ás 10,30 h do auditorio do parque de Castrelos. Nove quilómetros de solidariedade para concienciar sobre os dereitos das persoas con discapacidade intelectual e racadar fondos para o proxecto de residencia da asociación.

luns, 18 set 2017
1505752788aspanaex.JPG
O alcalde de Vigo participou esta mañá na presentación da 34 edición da marcha Aspanaex en favor das persoas con discapacidade intelectual que se se celebrará o próximo domingo, 1 de outubro. Acompañado polo vicepresidente e pola directora da asociación, José Manuel Carballo, e Beatriz Macías, respectivamente, Caballero animou a todo Vigo a formar parte dunha iniciativa que pretende sensibilizar á sociedade sobre a necesidade da plena inclusión social deste colectivo. Os organizadores da marcha, que arrancará e rematará no auditorio do parque de Castrelos, confían en reunir a 4.000 persoas que recorrerán 9 quilómetros de solidariedade co obxectivo de defender os dereitos das persoas con discapacidade intelectual e recadar fondos para o proxecto de residencia Aspanaex.

A marcha discorrerá pola avenida de Castrelos, Praza América, Camelias, Venezuela, Gran Vía, Uráiz, Príncipe, Elduayen, Paseo de Alfonso XII, Pi i Margall, López Mora, Praza América, avenida de Castrelos e, finalmente, auditorio do parque de Castrelos. Este ano, a marcha conta co patrocinio de Delikia Fresh, empresa que repartirá cafés entre os participantes a cargo do barista Marcos González. Tamén haberá un sorteo entre os participantes ao finalizar o percorrido e todos poderán escribir unha mensaxe no bosque dos desexos que estará situado na entrada da rúa Príncipe.

O prezo do dorsal é de 5 euros e de 3 para os menores de dez anos ou persoas con discapacidade. Tamén existe a opción de adquirir dorsal cero para aquelas persoas que non queiran participar na marcha pero si contribuír ao proxecto de Aspanaex na cidade. A compra de dorsais pódese facer a través de ataquilla.com e nos centros comerciais Gran Vía e Travesía os días 22 y 29 de setembro (de 17,00 a 21,30) e os días sábados 23 e 30 de setembro (de 11,00 a 21,30). A entrega dos dorsais será os mesmos días e no mesmo horario.

Aspanaex leva 54 anos traballando en favor da discapacidade intelectual e da plena inclusión destas persoas. Desde entón, xa puxo en marcha un centro de educación especial, un centro de día, un centro ocupacional e unha vivenda tutelada.
Descargar todas as imaxes