Escoitar

O alcalde urxe a reposición de policías para poder incorporar 29 axentes máis ao Concello

Caballero reclamou esta mañá a eliminación das restricións do Ministerio de Facenda á contratación de policías locais. Deste xeito, Vigo podería contar en breve con 23 axentes máis, que se sumarían ás 42 prazas que xa están convocadas ou a punto de convocarse polo que o cadro de persoal completaría as 403 prazas -as que figuran na RPT-, explicou.

xoves, 14 set 2017
O alcalde de Vigo e presidente da FEMP reiterou esta mañá a súa demanda de que os concellos poidan contratar policías locais sen restricións e avanzou que Vigo conta con 23 prazas de policías locais que non pode cubrir pola taxa de reposición imposta polo Ministerio de Facenda. Tal e como explicou, a RPT do Concello de Vigo dispón de 403 prazas, das que 338 están ocupadas. Das 65 vacantes, 42 xa están nunha oferta pública, 23 delas, pendentes nestes momentos dun recurso e outras 19 a punto de ser aprobadas. Deste xeito, aínda quedan outras 23 que o Concello non pode convocar polas restricións de Facenda aínda que a súa a situación económica das arcas municipais permiten esta contratación.

Tal e como lle trasladou onte á secretaria de Estado de Función Pública, Elena Collado, é preciso que o Goberno Central permita que os gobernos locais repoñan os seus efectivos sen as limitacións que marcan os actuais criterios das taxas de reposición para poder cubrir á máxima brevidade as xubilacións anticipadas voluntarias que empezarán a rexistrarse a partir de xaneiro de 2018 así como as prazas que se foron amortizando nos últimos anos.