Escoitar

Caballero reitera a suficiencia de auga en Vigo e recomenda un uso responsable

O rexedor explicou este venres que a falta de auga no río Lagares se debe a un "fenómeno natural singular" polo que a auga da conca se filtra ao subsolo e que xa se está recuperando.

venres, 25 ago 2017
O alcalde incidiu este venres na suficiencia de auga no Concello, cos embalses de Eiras e Zamáns que abastecen o termo municipal a un 76% da súa capacidade. "Non hai problema de seca en Vigo nin de auga", reiterou, malia que se manterán algunhas fontes paradas eaínda que explicou que cómpre manter un consumo responsable, unha máxima que se aplica durante todo o ano.

En canto ao caudal do río Lagares, Abel Caballero explicou que sufriu un "fenómeno natural singular" mediante o cal a auga do seu caudal ocupa os ocos do subsolo, filtrándose de forma natural polo tipo de solo, deixando a conca seca. Con todo, esta mañá xa se estaban recuperando as bolsas de auga. Así, incidiu en que o río non seca por razóns de falta de auga, aínda que seguramente este fenómeno non se produciría do mesmo xeito na época invernal. Engadiu tamén que hai un mes se produciu unha rotura dun colector que non produciu unha diminución sensible da conca.