Escoitar

O Concello pide a Zona Franca que a ampliación do PTL permita a instalación de empresas grandes como IKEA

O alcalde referiuse este luns á ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, un proxecto incorporado ao orzamento de Zona Franca para 2018, para o que o Concello pedirá a execución dalgunha figura urbanística que lle "dea viabilidade". Considera que este é un proxecto "importante para a cidade".

luns, 24 xul 2017
Abel Caballero explicou que, con ese fin, o goberno municipal propoñerá tramitar a ampliación como "un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, un proxecto industrial estratéxico ou a través da Lei 3/2016 de proxectos urxentes e de especial interese público", dada a crecente demanda de zonas comerciais de tamaño medio e grande que se está detectando na cidade.

Segundo apuntou, o interese por eses espazos chega, especialmente, de xeradores de superficies comerciais de tamaño medio e grande que queren vir a Vigo porque "somos un grande lugar de atracción porque polarizamos un área dun millón de habitantes".

Por iso, o Concello vai demandar á Zona Franca, "a modo de esixencia ineludible" que deseñe parcelas na ampliación do PTL que inclúe o orzamento da entidade para o próximo ano, coas condicións axeitadas para garantir que poidan instalarse nelas empresas ou operadores comerciais como Ikea porque "queremos Ikea en Vigo e Ikea quere estar en Vigo", sendo unha empresa con "capacidade de xerar un importantísimo volume de emprego na cidade e que non é competencia do pequeno e mediano comercio local".

O rexedor considera que é esta iniciativa é "importante para a cidade, un dos grandes temas" e permitirá a xeración de máis de 200.000 metros cadrados para actividades terciarias ou industriais en Vigo, o que repercutirá na creación de postos de traballo. Ademais, considerou necesario axilizar os trámites para que no prazo dun ano se coñezan as empresas que queren instalarse no polígono e poidan empezar a traballar nos seus proxectos construtivos. "E queremos que Ikea forme parte desas empresas"