Escoitar

O rexedor destaca a capacidade tecnolóxica de Vigo na inauguración de MESIC 2017

O alcalde puxo en valor esta mañá a organización de MESIC 2017 en Vigo, un congreso de Enxeñería de Fabricación que concitará a 400 expertos no Auditorio Mar de Vigo ata o próximo venres 30 de xuño.

mércores, 28 xuñ 2017
1498664539mesic.jpg
O alcalde de Vigo participou esta mañá na inauguración do 7º Congreso Internacional da Sociedade de Enxeñería de Fabricación, MESIC 2017, no Auditorio Mar de Vigo. Durante a súa intervención, ademais de felicitar e agradecer aos promotores a organización desta "importante" iniciativa, Caballero eloxiou a capacidade tecnolóxica de Vigo citando exemplos como o minicrucero que vén de contratar Barreras ou recente presentación do novo modelo que vai fabricar desde Vigo o Grupo PSA para todo o mundo.

Coa Escola de Enxeñería Industrial e o Auditorio Mar de Vigo como sedes das xornadas, que rematan o venres 30 de xuño, abordaranse varias áreas temáticas: os avances e innovacións en procesos de fabricación, a evolución dos sistemas de fabricación, a metroloxía e calidade na fabricación, tecnoloxías asistidas para o apoio da enxeñería de Fabricación, a fábrica do Futuro e Industria 4.0 e a enxeñería de fabricación na sociedade: saúde, seguridade e riscos, patrimonio, ensinanza, aprendizaxe, divulgación e difusión. A esta cita profesional acudirán 400 expertos de todo o mundo, coordinados polo catedrático do departamento de Deseño da Enxeñería da Universidade de Vigo, Enrique Ares.

Na inauguración tamén estivo presente a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ademais do presidente da Sociedada de Enxeñería de Fabricación, Juan José Aguilar; o decano, Oriol Sarmiento e o vicereitor da Universidade de Vigo, Xavier Martínez Cobas.
Descargar todas as imaxes